Pestanas principais

A programación infantil con Apego recolle preto de 20 actividades para os meses de outubro, novembro e decembro

Luns, 02 de outubro de 2017

[02-10-2017] O Concello de Ames vén de publicar a variada programación infantil, organizada polos diferentes departamentos municipais, para os vindeiros meses de outubro, novembro e decembro. A programación comeza o próximo venres, 6 de outubro, co espectáculo de circo-teatro Outono da compañía de circo-teatro Pista Catro.


Dentro do programa Apego hai distintas actividades, cuxa organización corresponde aos diferentes departamentos municipais que traballaron en conxunto para a elaboración da programación deste outono. Esta programación estréase o próximo venres, 6 de outubro, coa compañía de circo-teatro Pista Catro que trae ao Concello de Ames o seu espectáculo Outono – unha viaxe ao pasado de catro artistas, que é en si mesma unha celebración da amizade e dos fracasos -. Esta actividade, que se desenvolverá na Casa da Cultura do Milladoiro ás 18.00 h, está dirixida a todo o público que queira asistir maior de 5 anos.

A programación complétase coas Tardes de Contos. Os luns 9 e 23 de outubro, na Casa da Cultura do Milladoiro, e os luns 16 e 30 no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, ás 18.00 h, as familias con crianzas de 0 a 6 anos terán a oportunidade de achegarse aos contos para gozar, aprender e ir tecendo o club dos contos con Apego. 

Comeza tamén neste mes de outubro a Ciencia Divertida, unha serie de obradoiros para que as máis pequenas e pequenos se acheguen ao mundo científico, que se estenderá con actividades periódicas ata o mes de decembro. A Ciencia Divertida desenvolverase na Aula da Natureza, ás 16.30 h, os sábados 7 e 14 de outubro, 4 e 11 de novembro e 2 de decembro para rapazas e rapaces de 6 a 14 anos. O sábado día 28 de outubro, haberá unha sesión especial para nenas e nenos de 3 a 6 anos, ás 11.30 h na Casa da Cultura de Bertamiráns.

Dentro desta programación tamén se inclúen as sesións de Contacontos na biblioteca, que se desenvolverán nos meses de outubro, novembro e decembro nas bibliotecas municipais do Milladoiro e Bertamiráns. A entrada a esta actividade é libre e de balde. Todas as sesións se iniciarán ás 18.00 h.

A programación para o mes de outubro pecha co Obradoiro Alí de recursos para a educación infantil, que terá lugar no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, o sábado 21 das 10.00 h ás 14.00 h. O obradoiro diríxese a profesionais da educación infantil que busquen conseguir recursos e ferramentas modernas que faciliten e melloren o seu labor diario. 

Foliada con Apego e poesía
O mes de novembro comeza con alegría grazas á Foliada con Apego, un encontro para coñecerse, bailar, compartir e, se é o caso, tocar instrumentos tradicionais. Será o venres 3, ás 18.00 h, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. A actividade é aberta para todas as familia con nenas e nenos sen límite de idade. O prazo para inscribirse comeza o 23 de outubro e remata o 2 de novembro. 

O sábado, 11 de novembro, nunha primeira sesión ás 11.00h e nunha segunda ás 12.00h, desenvolverase na Casa da Cultura do Milladoiro o obradoiro poético Poesía para tirar o medo, onde a escritora María Canosa achegará fórmulas coas que superar os medos das cativas e cativos que asistan á actividade. O prazo de inscrición será do 2 de outubro ao 10 de novembro. Para o venres 24, na Casa da Cultura do Milladoiro, organízanse dúas sesións, unha ás 18.00 h e outra ás 19.00 h, do obradoiro Prende no colo, para iniciar ás crianzas no ritmo e na melodía. A inscrición estará aberta do 13 ao 23 de novembro.

A última das actividades previstas para o mes de novembro terá lugar o xoves, 30 de novembro, ás 18.00 h, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Consiste nunha charla-obradoiro onde se tratarán cuestións relacionadas coa comunicación das crianzas e a adquisición da linguaxe Está dirixida ás persoas adultas de familias con crianzas ata os 6 anos. O prazo para inscribirse está aberto do 20 ao 28 de novembro. Para participar nestas catro actividades hai que inscribirse, nos prazos establecidos, mandando un correo a normalizacion@concellodeames.gal

Espectáculos musicais
Despedimos o programa no mes de decembro con tres espectáculos musicais. Pablo Díaz e Olga Krik achegaranse á Casa da Cultura do Milladoiro o martes 26, ás 17.00 h, para presentarlles ás familias con nenas e nenos dos 4 aos 11 anos Canta Música!, un espectáculo para bailar, xogar e cantar no que as familias asistentes participarán de forma activa. O prazo de inscrición estará aberto do 18 ao 22 de decembro.

O mércores día 27 de decembro, ás 17.00 h e ás 18.00 h, na Casa da Cultura de Bertamiráns, as familias con nenas e nenos dos 0 aos 4 anos poderán gozar con Percubebé, un espectáculo musical no que descubrir o mundo das percusións e da arpa, onde xogar cos diferentes timbres dos instrumentos , cantos, bailes e danzas. A inscrición abrirá o día 18 e pechará o 22 de decembro.

O paxaro amigo, de músicas para a paz, estará na Casa da Cultura do Milladoiro ás 17.00 h. Carmen Gil e Mamá Cabra únense para contar e cantar unha divertida historia de Discordia, a bruxa que é feliz destruíndo a paz.

Contido relacionado


Lindeiros: "Apego organiza en Ames máis de 20 actividades ata decembro"
Ames Go: "Máis de 20 actividades dentro do programa Apego"