Pestanas principais

O goberno municipal inviste 73.822 euros no arranxo do camiño de Oca á Igrexa situado na parroquia de Ames

Venres, 06 de outubro de 2017

[06-10-2017] Esta mañá o alcalde de Ames, José Miñones, e o concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, achegáronse ata a aldea de Oca pertencente á parroquia de Ames para falar cos veciños e veciñas deste lugar. Nos vindeiros días comezarán as obras de mellora e arranxo do camiño que vai de Oca á Igrexa. Trátase dunha vella demanda da veciñanza deste lugar amesán que o goberno municipal vai executar cunha partida de fondos propios incluída entro do orzamento municipal de 2017. Estes traballos foron adxudicados en Xunta de Goberno Local á empresa Nexia infraestruturas SLU por valor de 73.822,22 euros (IVE incluído).

O goberno municipal incluíu unha partida económica nos orzamentos de 2017 co obxectivo de executar unha obra que leva pendente de realizar varios anos. Trátase da mellora e arranxo do camiño que vai dende Oca ata á Igrexa, que está situado na parroquia de Ames. Esta mañá o rexedor municipal e o concelleiro de Obras estiveron falando coa veciñanza deste lugar para anunciarlles que nos vindeiros días comezarán as obras deste proxecto.

Os traballos realizaranse en dous treitos (un de 930x4,00 e outro de 300x4,00 metros). Para mellorar a capa de rodaxe de dito camiño repararanse as fochancas existentes e aplicarase cinco centímetros de aglomerado en quente en toda a plataforma e un rego de imprimación. No proxecto tamén se recolle a canalización de 586 metros de tubería de PVC de 400 milímetros de diámetro e maila execución de 15 arquetas con sumidoiro para a recollida de augas pluviais. Previamente, será necesario realizar a escavación de dunha zanxa e o posterior recheo compactado da mesma.

Por outra banda, no proxecto recóllese a execución de 494 metros de cuneta de seguridade revestida de formigón para o correcto drenaxe lonxitudinal, o desbroce e maila limpeza de bordes e a sinalización horizontal con pintado de liñas nos bordes. Trátase dunha vella demanda da veciñanza deste lugar amesán que o goberno municipal vai executar cunha partida de fondos propios incluída entro do orzamento municipal de 2017. Estes traballos foron adxudicados en Xunta de Goberno Local á empresa Nexia infraestruturas SLU por valor de 73.822,22 euros (IVE incluído).

O concelleiro de Obras amosou a súa satisfacción polo comezo destas obras e dixo que "os veciños e as veciñas de Ames merecen este investimento importante co que non só se mellora a estrada de acceso a Oca, senón que tamén se mellora en seguridade ao crear en algúns puntos perigosos unhas sendas para os e as veciñas".

Pola súa parte o alcalde manifestou que "a aposta polo rural deste Goberno está clara, e neste ano son moitos os investimentos realizados nas parroquias amesás que melloran as condicións de moitos núcleos". Miñones continuou dicindo que "sabemos que aínda queda moito por facer, pero nos dous anos de mandato que quedan seguiremos a realizar unha aposta clara polos veciños e veciñas que viven no noso rural".


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Os veciños de Ames coñecen a obra do vial de Oca á igrexa"
Lindeiros: "Ames arranxa o camiño de Oca á Igrexa"