[06-10-2017] Nunha primeira fase do proxecto, acondicionaranse dous locais de ensaio situados no baixo da antiga escola de Biduído. Nos vindeiros anos, o obxectivo é ampliar o espazo tamén ao primeiro e ao segundo andar do edificio. Durante o mes de novembro, abrirase unha convocatoria específica para que as persoas, grupos ou asociacións interesadas poidan coñecer e solicitar a reserva do espazo. A iniciativa parte das Concellarías de Educación e Cultura e de Mocidade e Transparencia.
Esta mañá, o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, e a concelleira de Mocidade e Transparencia, Silvia Dapena, visitaron a antiga escola de Biduído, que acollerá, a partir de novembro, dous locais de ensaio á disposición da veciñanza. Durante a visita, David Santomil destacou: “o compromiso do goberno cos grupos emerxentes e co asociacionismo, un compromiso que se materializa coa creación da ‘Factoría’, nun local que esta infrautilizado”. “O novo espazo nace co obxectivo de que estes dispoñan dun lugar común onde poidan realizar ensaios, promovendo, deste xeito, a formación de novas agrupacións e o asociacionismo”, expresou Santomil.
A concelleira de Mocidade e Transparencia, Silvia Dapena, tamén se expresou no mesmo sentido: “‘A Factoría’ nace coa vontade de ser un espazo creativo para a mocidade e as asociacións xuvenís e culturais no rural, nun espazo de convivencia. Este é o primeiro paso dun proxecto único máis amplo, no que colaboramos ambas concellarías”. En novembro, abrírase unha convocatoria específica para que as persoas, grupos ou asociacións interesadas poidan coñecer e solicitar a reserva do espazo na “Factoría”.
A primeira das actuacións de acondicionamento, que terá lugar ao longo dos meses de outubro e novembro, consistirá na renovación da instalación eléctrica e da fontanaría, así como na colocación dun revestimento acústico nos dous locais de ensaio, na reparación das xanelas e na substitución da porta da entrada da escola, na planta alta. As obras supoñen un importe total de 4.500 euros, financiados a través da liña de axudas para equipamentos culturais da Deputación da Coruña, deste ano 2017. Nos próximos anos, a idea é que “A Factoría” se torne un proxecto maior, ampliando o espazo á primeira e a segunda planta da escola, onde antigamente estaba situada a vivenda das mestras e mestres.




