Pestanas principais

O programa Convive.comigo busca persoas ou familias dispostas a cohabitar con adolescentes que teñan que cumprir unha orde xudicial de convivencia

Xoves, 05 de outubro de 2017

[05-10-2017] O programa piloto Convive.comigo ten como obxectivos captar, formar e avaliar a persoas e familias que estean interesadas en acoller unha ou un adolescente, obrigado xudicialmente a cumprir unha orde de convivencia. Impulsado por Arela, asociación responsable de varias iniciativas de apoio á infancia e á adolescencia, o programa será desenvolto, inicialmente, na provincia da Coruña.

Cando unha persoa adolescente é condenada xudicialmente a unha medida de convivencia, habitualmente, en Galicia, a sentenza sempre se acaba cumprindo ben nun centro de menores, ben mediante outro tipo de medida xudicial. Isto débese, ao feito de que non existen, ata o de agora, persoas ou familias dispostas a ficar na súa casa con estas e estes adolescentes.

Por este motivo, o obxectivo principal deste proxecto piloto é o de dotar de recursos, neste caso de familias ou persoas individuais, aos xulgados, de forma que estes poidan recoller nas súas sentenzas medias de convivencia. Deste xeito, as funcións de Arela son as de captar, formar e avaliar ás persoas e familias interesadas. 

A duración media dunha medida de convivencia oscila entre os 6 e os 12 meses, tempo durante o cal a ou o adolescente debe convivir con esa nova familia ou persoa. Con isto, o que se pretende é ofrecerlle á persoa adolescente un entorno socializador positivo, que lle dea a posibilidade de modificar actitudes e condutas, mudando as circunstancias que motivaron a medida e, polo tanto, procurando a non reincidencia nos mesmos feitos. O perfil das persoas ou familias que busca o programa é o daquelas cunha alta sensibilidade cara a adolescencia, que queiran acoller temporalmente unha ou un adolescente con dificultades, condenado a unha medida de convivencia.

As persoas e familias interesadas deberán, así, cumprir uns requisitos mínimos á hora de participar deste programa. Entre outras cousas, será obrigatorio ser maior de idade, dispoñer dunha vivenda adecuada, de estabilidade emocional, ter o compromiso de traballar en equipo, garantir un alto grao de dispoñibilidade e non buscar coa acollida a satisfacción dun desexo de parentalidade. Do mesmo xeito, valorarase positivamente o feito de ter participado con anterioridade en programas de acollemento familiar, ter unha formación vinculada ás ciencias sociais, así como ter dispoñibilidade para realizar formacións acerca de diferentes temáticas arredor da adolescencia ou sobre diferentes aspectos xudiciais. Durante o proceso de avaliación e formación (a cargo de Arela), as persoas ou familias interesadas terán que realizar múltiples entrevistas, recibir, ao mínimo, unha visita domiciliaria e asistir a varias sesións formativas.

Desde Arela o que se ofrece ás persoas e familias participantes é formación grupal e individual, ademais de asesoramento. Alén diso, as persoas e familias estarán acompañadas, durante todo o proceso, por profesionais. A Xunta de Galicia financia o acollemento, con 40 euros por día de convivencia. Todas as persoas interesadas pódense pór en contacto coa asociación a través do enderezo de correo electrónico convive@arela.org.



Contido relacionado


Lindeiros: "Convive comigo busca un fogar para adolescentes que teñan que cumprir unha orde xudicial de convivencia"
El Correo Gallego: "Ames súmase ó programa Convive.comigo"