[04-10-2017] O próximo sábado, 7 de outubro, comeza “Ciencia Divertida”, unha serie de obradoiros que procuran achegar o mundo científico ás nenas e nenos. Ademais da sesión deste sábado, haberá catro sesións máis repartidas periodicamente ata o mes de decembro. Serán os sábados, 14 de outubro, 4 e 11 de novembro e 2 de decembro, na Aula da Natureza. Para participar, é preciso anotarse entregando o formulario de inscrición no Rexistro municipal ou enviándoo ao enderezo electrónico auladanatureza@concellodeames.gal.
Serán cinco as sesións que conformen o programa “Ciencia Divertida”, de divulgación científica na infancia. Baseadas en obradoiros manipulativos, cos que as nenas e nenos se achegarán dun xeito divertido á ciencia, incluíran experimentos, xogos, charlas, visualizacións e procuras na internet, entre outras actividades. Ademais abarcarán diferentes temáticas, afondando en diferentes ámbitos científicos, como a física, a química, a bioloxía e as ciencias mariñas, a xeoloxía, a electricidade, a robótica, a óptica e a mecánica. Todas as sesións terán unha duración de tres horas e celebraranse na Aula da Natureza, na Ameixenda. As nenas e nenos participantes deberán levar a súa merenda para tomar durante o descanso.
A primeira das sesións xirará arredor da maxia da ciencia, centrándose no feito de que moitos dos trucos de maxia, como o ilusionismo ou a invisibilidade, son en realidade ciencia, ao estaren baseados en fenómenos físicos, químicos ou ópticos. A segunda das sesións, pola súa banda, estará enfocada ao coñecemento da fauna mariña. Nela, as nenas e nenos participantes aprenderán acerca da riqueza biolóxica existente nas nosas rías e a súa relación coa sociedade, diferenciando os diferentes grupos taxonómicos e aprendendo os parentescos entre os diferentes animais.
A sesión do día 4 de novembro, tentará facer entender ás crianzas que o mundo é química, a través de experimentos baseados en diversas reaccións químicas. A sesión do 11 de novembro centrárase na historia e evolución do noso planeta. Deste xeito, as cativas e cativos aprenderán aspectos sobre diferentes animais prehistóricos e sobre a súa importancia no mundo, elaborando, ademais, a réplica dun fósil. A última das sesións, a do día 2 de decembro, versará acerca do corpo humano e das reaccións que nel se producen.
Os obradoiros están dirixidos a nenas e nenos entre os 6 e os 12 anos. Para anotarse, é preciso entregar o formulario de inscrición no Rexistro municipal ou envialo ao enderezo de correo electrónico auladanatureza@concellodeames.gal. É posible inscribirse tanto na totalidade das sesión como en cada unha delas individualmente.
Contido relacionado

Ames Go: "“Ciencia divertida” un programa adicado á infancia"




