[05-10-2017] A vendima tamén chegou á Escola Infantil Municipal O Bosque, onde as nenas e nenos máis maiores realizaron todo o proceso, ata transformar a uva en mosto. A actividade encádrase dentro da programación da escola infantil para este curso 2017-2018.
A Escola Infantil Municipal de Bertamiráns tamén fixo a súa propia vendima, con uvas que, anteriormente, tiñan traído as familias. Así, as nenas e nenos da escola, de entre 2 e 3 anos, recolleron as uvas, transportáronas, seleccionáronas e estrugáronas ata extraer o seu zume e tornar a uva mosto. Todo o proceso foi realizado dentro da aula. As parras foron improvisadas con tendais da roupa, que serviron de viñas á altura perfecta das crianzas.
A actividade foi unha experiencia das moitas realizadas na EIM acerca dos nosos costumes. A “realización” da vendima tamén serviu para que as nenas e nenos aprendesen de que maneira inflúe o tempo nas colleitas. A iniciativa fai parte do extenso programa formativo e de actividades para a infancia que desenvolve a Escola Infantil Municipal O Bosque.




