Pestanas principais

A asociación de empresarios do parque empresarial do Milladoiro organiza o IV certame de fotografía comercial-empresarial

Mércores, 04 de outubro de 2017

[04-10-2017] A asociación de empresarios do parque empresarial Novo Milladoiro organiza unha nova edición do seu concurso fotográfico, en colaboración co Concello de Ames, a asociación de pequenos comerciantes Viorneira, Palmira, Bulebar e a asociación de comerciantes de Bertamiráns. A temática xira en torno ao propio parque e á visión da empresa actual. Pódese enviar unha imaxe por participante, coa que se axuntará o título da obra e os datos persoais do autor/a. A data límite de envío é o 6 de novembro e o 22 de decembro daranse a coñecer os nomes das persoas gañadoras nunha gala que se celebrará no salón de actos da Casa de Cultura de Milladoiro. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás consultar as bases do concurso.

A través deste certame fotográfico preténdese realizar imaxes de calidade, creando unha estética das construcións eminentemente funcionais, que están situadas no parque empresarial do Milladoiro. A temática é eminentemente comercial e empresarial.  As fotografías poderán ser realizadas con calquera tipo de técnica e estilo, primando o enfoque comercial da fotografía. Neste certame poden participar todas as persoas que o desexen, con independencia do seu lugar de orixe e sen límite de idade. As persoas menores de 18 anos incluiranse directamente na categoría xuvenil-infantil.

As fotografías teñen que ser orixinais e inéditas, presentando cada participante unha fotografía como máximo, realizada con calquera técnica fotográfica ben sexa en color ou en branco e negro. A inscrición é gratuíta. As obras presentadas poden ser das instalacións, incluída a fachada da nave, do equipo humano, dos produtos, dos eventos ou de calquera actividade económica que as empresas realicen na súa ubicación.

A xerente da asociación de empresarios do parque empresarial Novo Milladoiro, Salomé Blanco, explica que o obxectivo deste certame é a promoción das empresas de Ames, centrándose nas que están situadas no parque empresarial do Milladoiro, xa que actúan como provedores de moitos negocios do concello. Trátase de potenciar o tecido comercial de Ames dando a coñecer as principais empresas que teñen a súa sede no polígono do Milladoiro. Animamos a que a veciñanza amesá se achegue a dito polígono para coñecer as empresas que desenvolven a súa actividade neste parque empresarial, fagan fotos e as envíen”. 

Poden ser realizadas con calquera tipo de técnica e estilo, primando o enfoque comercial da fotografía, tentando crear unha estética do parque empresarial do Milladoiro ou das actividades económicas que alí se desenvolvan. Estarán inscritas no campo do fotodocumentalismo, fotoperiodismo ou reportaxe en xeral. Tan só deberán adaptarse á temática económica, e, serán realizadas dentro término xeográfico do polígono do Milladoiro, valorándose especialmente as obras que reflictan os elementos más representativos e identificables das empresas.

Envío de fotografías ata o 6 de novembro
Poderase presentar unha fotografía por persoa, que deberá ser enviada xunto co título da obra, e os seus datos persoais á dirección de correo electrónico: certamefotografico@aenovomilladoiro.com. É imprescindible que as fotografías enviadas vaian identificadas cos datos do autor: nome, apelidos, data de nacemento, número de carné de identidade, dirección e teléfono de contacto (preferiblemente móbil). O prazo de presentación de fotografías estará aberto ata o 6 de novembro 2017.

Posteriormente, entre o 24 de novembro o 29 de decembro realizarase unha exposición na Casa de Cultura do Milladoiro. Pola limitación da sala de exposicións, no caso en que o número de obras presentadas fora superior a 60 na categoría de adultos e 40 na categoría infantil, o xurado elixirá as que se expoñen.

Haberá dúas categorías: adultos para maiores de 18 anos e xuvenil-infantil para menores de 18 anos. Na categoría de adultos repartiranse tres premios: o primeiro premio será de 300 euros, o segundo de 200 euros e o terceiro de 100 euros. Ademais, aos tres premiados/as entregaráselle un diploma acreditativo. Na categoría xuvenil-infantil tamén se repartiranse distintos agasallos e un diploma acreditativo para os tres premiados/as. A Gala de entrega de premios será o venres, 22 de decembro 2017, ás 20:00 horas, no salón de actos da casa de Cultura de Milladoiro.