Actualidade
[12-12-2018] O club amesá de fútbol sala feminino FC Meigas conmemorou o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, que tivo lugar o 25 de novembro, cun evento no que as xogadoras e o equipo técnico mostraron o seu rexeitamento ás violencias machistas e alertaron sobre o problema que supoñen para a sociedade. Este club deportivo foi un dos 170 axentes que participou na campaña Ames en Negro.
[12-12-2018] A partir deste mércores, 12 de decembro, os vehículos pesados con MMA maior a 30 toneladas non poden circular pola avenida de Rosalía de Castro, no Milladoiro. Esta medida permitirá desviar uns 250 vehículos pesados ao día cara a autoestrada AG-56. Este pasado domingo pola noite comezaron os traballos de colocación das sinais que prohiben a circulación de ditos vehículos pesados polo centro da localidade do Milladoiro. Hoxe arredor das 12.00 horas fíxose efectiva dita prohibición. Esta actuación realizouse en coordinación coa DXT e coa Garda Civil de Tráfico. A Garda Civil de Tráfico velará polo cumprimento da normativa e están exentos desta prohibición os camións que se dirixan aos polígonos do Milladoiro e do concello de Teo.
[11-12-2018] O Concello de Ames, a través do departamento de Persoal, fai público o anuncio co resultado da proba de galego do proceso selectivo para a creación dunha bolsa de traballo de administrativo do Concello de Ames, e a data fixada para a realización do exame de oposición deste proceso, que se realizará o vindeiro 19 de decembro de 2018, ás 16.45 horas. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter dito resultado.
[11-12-2018] O Salón de Actos da Deputación de Córdaba acolleu este luns a gala de entrega de premios da XI Edición do Premio Progreso, na que o Concello de Ames foi recoñecido na categoría de educación polos seus programas de conciliación como reclamo poboacional. Ao acto acudiron Luísa Feijóo, Concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, e Rosalina Martínez, técnica municipal de nutrición, que foron as encargadas de recoller o galardón.
[11-12-2018] O alcalde de Ames, José Miñones, a concelleira de Promoción Económica, Isabel González, e o Axente de Desenvolvemento Local do Concello de Ames, Juan Carlos Carreja, mantiveron unha xuntanza este luns, 10 de decembro, co conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, co obxectivo de falar das políticas activas de emprego que se están desenvolvendo no Concello de Ames e da previsión de novas convocatorias que vai facer a Xunta de Galicia de obradoiros de emprego, programas integrados de emprego, proxectos de fomento do emprego no ámbito forestal e novas vías de colaboración nos ámbitos do emprendemento e fomento do espírito empresarial.
[11-12-2018] A través da iniciativa Vacacións en Paz as familias de Ames, ou de calquera concello galego, poden acoller durante os meses de xullo e agosto a nenos e nenas saharauís que viven unha difícil situación nos campamentos de refuxiados de Tindouf, en Alxeria. O Concello de Ames anima a toda a veciñanza interesada en participar do programa a asistir a unha nova reunión que organiza a Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí. A xuntanza terá lugar este mércores, 12 de decembro, ás 20:00 horas, no salón de Plenos da Casa do Concello. Quen non poida acudir á reunión, pero desexe participar no programa, pode poñerse en contacto co departamento de Servizos Sociais do Concello, no número de teléfono 981 377 656.
[10-12-2018] Ames Radio fai pública a súa programación da semana do 3 ao 9 de decembro. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás consultar a programación completa.
[10-12-2018] O centro de depósito de residuos do Punto Limpo de Ames, situado no polígono do Milladoiro, rexistrou durante o pasado mes de outubro 548 visitas. Das achegas feitas ao longo do mes destacan fundamentalmente os residuos eléctricos e electrónicos que se achegaron aos 3.391 quilogramos. Este servizo municipal está xestionado pola empresa Urbaser.
[10-12-2018] O Concello de Ames, a través da Concellaría de Comercio e Promoción Económica, volve convocar, un ano máis, o Concurso de Escaparates de Nadal. As persoas que queiran participar deberán engalanar os seus escaparates con motivos relacionados co Nadal, prestando atención á orixinalidade para conseguir a atracción do público. Os escaparates deberán permanecer expostos entre o 14 de decembro de 2018 e o 7 de xaneiro de 2019. As solicitudes de inscrición poderán entregarse no rexistro municipal ata o vindeiro 12 de decembro. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter as bases e o impreso de inscrición do XIII Concurso de Escaparates de Nadal do Concello de Ames.
[10-12-2018] A Casa da Cultura do Milladoiro acolle este venres, 14 de decembro, a representación de público familiar Puño Puñete de Baobab Teatro. O espectáculo consta de música en directo, contos, cancións e xogos populares, a través dos cales os cativos e as cativas se mergullarán nun mundo de fantasía e sensacións. Os convites para asistir xa están dispoñibles na Billeteira electrónica.
- ‹ anterior
- 598 de 1385
- seguinte ›