Pestanas principais

A Casa do Concello acolle mañá unha charla informativa sobre o programa Vacacións en Paz

Martes, 11 de decembro de 2018

[11-12-2018] A través da iniciativa Vacacións en Paz as familias de Ames, ou de calquera concello galego, poden acoller durante os meses de xullo e agosto a nenos e nenas saharauís que viven unha difícil situación nos campamentos de refuxiados de Tindouf, en Alxeria. O Concello de Ames anima a toda a veciñanza interesada en participar do programa a asistir a unha nova reunión que organiza a Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí. A xuntanza terá lugar este mércores, 12 de decembro, ás 20:00 horas, no salón de Plenos da Casa do Concello. Quen non poida acudir á reunión, pero desexe participar no programa, pode poñerse en contacto co departamento de Servizos Sociais do Concello, no número de teléfono 981 377 656.

Un ano máis a Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí abre o prazo para participar no programa Vacacións en Paz 2019. Esta iniciativa preséntase nun marco de solidariedade e axuda desinteresada co fin de propiciarlles unha estancia agradable e humanamente rica aos rapaces, ofrecéndolles a posibilidade de coñecer outros xeitos de vida, de maneira que iso contribúa á súa formación.

Dende o Concello de Ames animan a todas aquelas persoas que estean interesadas en vivir unha experiencia única e inesquecible, e que queiran solidarizarse co pobo saharauí, acollendo na súa casa durante os dous meses de verán a unha nena ou neno refuxiado saharauí, que se poñan en contacto con dita asociación enviando os seus datos ao enderezo de correo electrónico info@sogaps.org ou chamando polas mañás ao número de teléfono 986 26 26 37. Os responsables de Vacacións en Paz poñeranse en contacto con cada persoa que estea interesada neste proxecto, para informalos do proceso que hai que seguir para acoller.

Outra opción é poñerse en contacto co departamento municipal de Servizos Sociais chamando ao número de teléfono 981 377 656. O Concello actúa de mediador entre as familias amesás e esta asociación para xestionar a estadía dos nenos/as saharauís en Ames e se encarga, por exemplo, do pago do billete de avión de cada neno/a. O departamento de Servizos Sociais informa ás persoas interesadas, tramita as solicitudes e asegura unha estadía agradable dos cativos no noso municipio.

Para achegar información á veciñanza amesá sobre este programa, este mércores, 12 de decembro, ás 20.00 horas, vaise realizar unha charla informativa no salón de Plenos da Casa do Concello. As familias interesadas en acoller a un/unha neno/a xa poderán inscribirse en dito programa.

O persoal da Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, ademais de afondar en torno ao desenvolvemento do programa Vacacións en Paz abordará outros asuntos de interese como a situación política nos territorios ocupados, a situación humanitaria nos campamentos de refuxiados saharauís ou o desenvolvemento da Conferencia Internacional de Apoio e Solidariedade co Pobo Saharauí.


Contido relacionado


Compostela 24 horas: "A Casa do Concello acolle mañá unha charla informativa sobre o programa "Vacacións en Paz""