Pestanas principais

Dende este mércores, 12 de decembro, os vehículos pesados con MMA maior a 30 toneladas non poden circular polo centro do Milladoiro

Mércores, 12 de decembro de 2018

[12-12-2018] A partir deste mércores, 12 de decembro, os vehículos pesados con MMA maior a 30 toneladas non poden circular pola avenida de Rosalía de Castro, no Milladoiro. Esta medida permitirá desviar uns 250 vehículos pesados ao día cara a autoestrada AG-56. Este pasado domingo pola noite comezaron os traballos de colocación das sinais que prohiben a circulación de ditos vehículos pesados polo centro da localidade do Milladoiro. Hoxe arredor das 12.00 horas fíxose efectiva dita prohibición. Esta actuación realizouse en coordinación coa DXT e coa Garda Civil de Tráfico. A Garda Civil de Tráfico velará polo cumprimento da normativa e están exentos desta prohibición os camións que se dirixan aos polígonos do Milladoiro e do concello de Teo.


Tal e como adiantou a subdelegada do Goberno na Coruña, Pilar López-Rioboo, na visita feita a Ames o pasado 21 e novembro, o pasado 10 de decembro comezaron a colocarse as sinais que prohiben a circulación dos vehículos pesados, con MMA maior a 30 toneladas, pola avenida de Rosalía de Castro, no Milladoiro. Unha vez colocados ditos paneis, dende este mércores, 12 de decembro, quedou prohibido circular polo centro do Milladoiro para estes vehículos pesados. Esta actuación realizouse en coordinación coa DXT e coa Garda Civil de Tráfico. A Garda Civil de Tráfico velará polo cumprimento da normativa.

Estímase que con esta medida deixen de circular ao ano pola avenida de Rosalía de Castro preto de 100.000 vehículos pesado, xa que son máis de 250 camións, con MMA maior a 30 toneladas, os que atravesan cada día esta localidade. Deste xeito, ditos vehículos teñen que desviarse dende a SC-20 (á altura da gasolineira) cara a autoestrada AG-56 e polo corredor AC-522, ata a glorieta das Galanas, situada na N-550. Os únicos camións que poden circular pola avenida de Rosalía de Castro son os que se dirixan ao parque empresarial do Milladoiro e aos concesionarios situados no lugar de Reborido (zona sur do Milladoiro).

Neste sentido, por parte do Concello de Ames tense o compromiso da Xunta de Galicia de asumir o custe do enlace do desvío da N-550 cara a AG-56, o que sería complementado polo propio Ministerio coa construción da rotonda que regulase o desvío. Asemade, estase estudando a posibilidade de modificar a glorieta das Galanas, creando así unha nova regulación circulatoria para desviar o tráfico da N-550 cara a AG-56. O Ministerio de Fomento está estudando na actualidade esta posibilidade, que require a ampliación da actual rotonda, para permitir o xiro dos vehículos pesados para que poidan acceder con solvencia a autoestrada AG-56. Este proxecto require da implicación da Xunta de Galicia, que se pretende plasmar cun convenio con Ministerio de Fomento.

Por outra banda, estanse executando as obras do proxecto de mellora da seguridade viaria na rúa Viorneira e na avenida de Rosalía de Castro do Milladoiro. A través deste plan vanse a instalar dous semáforos e un paso de peóns adaptado, que parta da rúa Viorneira e atravese a avenida de Rosalía de Castro. Búscase mellorar a seguridade na N-550 e facilitar o cruce desta avenida, xa que son moitos os veciños e veciñas que cruzan por ese punto e poñen en risco a súa seguridade. A maiores preténdese habilitar un novo cruce e conectar os dous lados da avenida Rosalía de Castro, á altura da rúa Viorneira, unha zona eminentemente comercial. Esta actuación está sendo realizada con fondos propios municipais e ten un custo de 32.192 euros. Todas estas actuacións redundarán na humanización do núcleo urbano do Milladoiro.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Los camiones ya evitan Milladoiro pese a las lagunas de la señalización"
La Voz de Galicia: "La prohibición del paso de camiones por Milladoiro entrará mañana en vigor"
Compostela 24 horas: "A partir de mañá os camións xa non poderán circular polo Milladoiro"
Lindeiros: "Os vehículos pesados xa non poden circular polo centro do Milladoiro"
El Correo Gallego: "Fomento obvió los permisos para desviar tráfico en Ames"
El Correo Gallego: "Infraestruturas apremia una rotonda que permita el giro a los tráileres en As Galanas"
La Voz de Galicia: "Los camiones ya evitan Milladoiro"
El Correo Gallego: "Prohíben tráileres en Milladoiro pero sin señalizar las alternativas"
El Correo Gallego: "Permitirán circular tráileres por O Milladoiro hasta que Fomento repinte y señalice"