Pestanas principais

A familia do FC Meigas únese baixo a campaña Ames en Negro

Mércores, 12 de decembro de 2018

[12-12-2018] O club amesá de fútbol sala feminino FC Meigas conmemorou o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, que tivo lugar o 25 de novembro, cun evento no que as xogadoras e o equipo técnico mostraron o seu rexeitamento ás violencias machistas e alertaron sobre o problema que supoñen para a sociedade. Este club deportivo foi un dos 170 axentes que participou na campaña Ames en Negro.


O primeiro evento colectivo celebrado polo FC Meigas nesta tempada 2018-2019 xirou en torno á conmemoración do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres. Esta xornada, que tivo lugar o 25 de novembro, puxo punto e final a unha semana na que o club realizou diversas actividades para mostrar súa repulsa, tanto do equipo técnico e da directiva como das xogadoras, cara a violencia de xénero.

As actividades realizadas polo equipo durante a semana consistiron na elaboración de diversas frases alusivas a esta realidade e na toma de fotos nos adestramentos, que despois foron repartidas nun gran mural como mensaxe colectiva de rexeitamento á violencia contra as mulleres. Nesta iniciativa participaron tanto as xogadoras como o equipo técnico e a directiva.

Ames en Negro
Ao eido da iniciativa En negro contra as violencias, Ames puxo a andar a terceira edición da campaña Ames en Negro entre os días 12 e 25 de novembro, na que participaron máis de 170 axentes sociais, entre establecementos hostaleiros, comercios, empresas, asociacións, clubs deportivos, e toda a comunidade educativa do concello. A trasversalidade da campaña, que aglutinou a moi diversos actores dos sectores económico e social e a parte importante da cidadanía de Ames, contribuíu ao aumento da súa visibilidade con respecto a anos anteriores.

A campaña Ames en Negro volveu a exercer, por terceiro ano consecutivo, do altofalante a través do que a veciñanza amesá mostrou a súa repulsa contra a violencia de xénero. Co obxectivo de visibilizar o rexeitamento da cidadanía e os diversos sectores do concello ás violencias machistas e concienciar sobre o problema que supoñen para a sociedade, a concellaría de Servizos Sociais e Igualdade organizou unha serie de actividades e eventos para conmemorar o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres.

Nesta campaña encadráronse actividades como as xornadas Acércate de Igualdade, a presentación dos Puntos de Igualdade ou os obradoiros de Bo Trato nos IES, ademais dun acto constitucional realizado polo Concello o venres 23 para mostrar o rexeitamento unánime da veciñanza amesá á violencia de xénero e aos asasinatos machistas. Así, durante a mañá recordouse ás vítimas de violencia de xénero e violencia doméstica que deixou este 2018 .



Contido relacionado


Compostela 24 horas: "O FC Meigas únese á campaña "Ames en Negro""