Pestanas principais

Un total de 548 usuarios fixeron uso do Punto Limpo de Ames durante o mes de outubro

Luns, 10 de decembro de 2018

[10-12-2018] O centro de depósito de residuos do Punto Limpo de Ames, situado no polígono do Milladoiro, rexistrou durante o pasado mes de outubro 548 visitas. Das achegas feitas ao longo do mes destacan fundamentalmente os residuos eléctricos e electrónicos que se achegaron aos 3.391 quilogramos. Este servizo municipal está xestionado pola empresa Urbaser.

O número de veciños e veciñas que fan uso do Punto Limpo para depositar alí todo tipo de residuos incrementouse nos últimos anos, signo de que a veciñanza é cada vez máis consciente da importancia que ten facer un uso correcto dos residuos que non van os colectores convencionais. Así, no pasado mes de outubro alcanzáronse as 548 visitas.

No tocante aos residuos achegados, durante o décimo mes do ano, os veciños e veciñas de Ames entregaron 3.391 quilos de equipos electrónicos e eléctricos, 100 quilogramos de envases baleiros contaminados e 400 quilos (49 unidades) de pneumáticos que se atopaban fóra de uso. Tamén se entregaron 74 unidades de tubos fluorescentes e outras lámpadas, 140 quilos (9 unidades) de baterías de chumbo, 19 quilogramos (515 unidades) de pilas e 16 unidades de aerosois.

Os entullos procedentes de obras menores supuxeron 20 metros cúbicos, aos que se sumaron 20 metros cúbicos de plásticos, 30 de metais e outros 60 de madeira, así como 52 quilogramos de pintura. Os veciños e veciñas tamén achegaron 80 litros de aceites vexetais e outros 46 de aceite de motor. O Punto Limpo tamén recolleu 6 metros cúbicos de roupa, 9 de papel e outros 60 de voluminosos como colchóns, sofás e escumas.

Horarios e teléfono de contacto
O Punto Limpo está situado na rúa das Hedras do polígono Novo Milladoiro e ata alí poden achegarse todos os veciños e veciñas de Ames para desfacerse de aqueles obxectos e materiais que non van aos colectores convencionais de materiais orgánicos, inorgánicos, vidro ou papel.

O centro está aberto preto de 40 horas semanais en xornada de mañá e tarde entre luns e o sábado. Así, o Punto Limpo abre de luns a venres de 10:00 h a 14:00 horas e de 16:00 h a 18:00 horas. Os sábados o horario é de 9:00 h a 14:00 horas e de 16:00 h a 20:00 horas. As persoas que teñan calquera dúbida poden chamar ao teléfono 981 536 688. Para a recollida de voluminosos e enseres a domicilio, a cidadanía que chamar ao número de teléfono 981 19 12 40.

O parque de reciclaxe ou Punto Limpo é un centro de aporte voluntario, equipado de colectores específicos, capacitado para recibir residuos dos particulares censados en Ames que deberán acudir ao centro co DNI ou volante de empadroamento. O servizo é de balde para estes/as veciños/as. O Punto Limpo favorece a separación en orixe, contribuíndo á reciclaxe dos residuos e participando na loita contra os vertidos incontrolados.


Contido relacionado


Compostela 24 horas: "O Punto Limpo de Ames tivo 548 achegas no mes de outubro"