Actualidade
[13-12-2018] O Concello de Ames, a través do departamento de Persoal, fai público a resolución pola que se aproba a lista definitiva de admitidos e excluídos do proceso selectivo para a contratación de dous técnicos de inserción/prospección de empresas para o programa "InserAmes-Brión XI". Fíxase a data de constitución do Tribunal e de baremación para o vindeiro 17 de decembro de 2018. O exame da fase de oposición terá lugar o vindeiro 19 de decembro de 2018. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter dita resolución.
[13-12-2018] O Concello de Ames informa de que xa están expostas as listas definitivas de solicitudes admitidas e excluídas no programa Nadal Lúdico de 2018. Premendo nos enlaces que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás consultar estas listas, que tamén pode ser consultada nas oficinas do departamento de Educación, situadas no Pazo da Peregrina, nas portas de entrada da Casa do Concello e nas oficinas municipais do Milladoiro. Tamén se pode descargar información de interese deste programa. O servizo desenvolverase, tanto no Milladoiro como en Bertamiráns, os días 24, 26, 27, 28 e 31 de decembro e 2, 3, 4 e 7 de xaneiro, en horario de 7:30h a 16:00 horas.
[12-12-2018] A Concellaría de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade informa á veciñanza amesá de que unha unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia (CTG) acudirá este xoves 13 e venres 14 de decembro a Bertamiráns. A unidade móbil de doazón estacionará na avenida da Maía, ao carón da praza da Maía, en horario de 15:30 a 21:00 horas. Lémbrase que se deberá acudir en posesión da tarxeta de doante ou do DNI ou un documento identificativo similar. O Concello de Ames colabora coa campaña solidaria da Axencia Galega de Doazón de Sangue e Órganos #súmatedoasangue.
[12-12-2018] O club amesá de fútbol sala feminino FC Meigas conmemorou o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, que tivo lugar o 25 de novembro, cun evento no que as xogadoras e o equipo técnico mostraron o seu rexeitamento ás violencias machistas e alertaron sobre o problema que supoñen para a sociedade. Este club deportivo foi un dos 170 axentes que participou na campaña Ames en Negro.
[12-12-2018] A partir deste mércores, 12 de decembro, os vehículos pesados con MMA maior a 30 toneladas non poden circular pola avenida de Rosalía de Castro, no Milladoiro. Esta medida permitirá desviar uns 250 vehículos pesados ao día cara a autoestrada AG-56. Este pasado domingo pola noite comezaron os traballos de colocación das sinais que prohiben a circulación de ditos vehículos pesados polo centro da localidade do Milladoiro. Hoxe arredor das 12.00 horas fíxose efectiva dita prohibición. Esta actuación realizouse en coordinación coa DXT e coa Garda Civil de Tráfico. A Garda Civil de Tráfico velará polo cumprimento da normativa e están exentos desta prohibición os camións que se dirixan aos polígonos do Milladoiro e do concello de Teo.
[11-12-2018] O Concello de Ames, a través do departamento de Persoal, fai público o anuncio co resultado da proba de galego do proceso selectivo para a creación dunha bolsa de traballo de administrativo do Concello de Ames, e a data fixada para a realización do exame de oposición deste proceso, que se realizará o vindeiro 19 de decembro de 2018, ás 16.45 horas. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter dito resultado.
[11-12-2018] O Salón de Actos da Deputación de Córdaba acolleu este luns a gala de entrega de premios da XI Edición do Premio Progreso, na que o Concello de Ames foi recoñecido na categoría de educación polos seus programas de conciliación como reclamo poboacional. Ao acto acudiron Luísa Feijóo, Concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, e Rosalina Martínez, técnica municipal de nutrición, que foron as encargadas de recoller o galardón.
[11-12-2018] O alcalde de Ames, José Miñones, a concelleira de Promoción Económica, Isabel González, e o Axente de Desenvolvemento Local do Concello de Ames, Juan Carlos Carreja, mantiveron unha xuntanza este luns, 10 de decembro, co conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, co obxectivo de falar das políticas activas de emprego que se están desenvolvendo no Concello de Ames e da previsión de novas convocatorias que vai facer a Xunta de Galicia de obradoiros de emprego, programas integrados de emprego, proxectos de fomento do emprego no ámbito forestal e novas vías de colaboración nos ámbitos do emprendemento e fomento do espírito empresarial.
[11-12-2018] A través da iniciativa Vacacións en Paz as familias de Ames, ou de calquera concello galego, poden acoller durante os meses de xullo e agosto a nenos e nenas saharauís que viven unha difícil situación nos campamentos de refuxiados de Tindouf, en Alxeria. O Concello de Ames anima a toda a veciñanza interesada en participar do programa a asistir a unha nova reunión que organiza a Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí. A xuntanza terá lugar este mércores, 12 de decembro, ás 20:00 horas, no salón de Plenos da Casa do Concello. Quen non poida acudir á reunión, pero desexe participar no programa, pode poñerse en contacto co departamento de Servizos Sociais do Concello, no número de teléfono 981 377 656.
[10-12-2018] Ames Radio fai pública a súa programación da semana do 3 ao 9 de decembro. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás consultar a programación completa.
- ‹ anterior
- 597 de 1384
- seguinte ›