[11-12-2018] O Salón de Actos da Deputación de Córdaba acolleu este luns a gala de entrega de premios da XI Edición do Premio Progreso, na que o Concello de Ames foi recoñecido na categoría de educación polos seus programas de conciliación como reclamo poboacional. Ao acto acudiron Luísa Feijóo, Concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, e Rosalina Martínez, técnica municipal de nutrición, que foron as encargadas de recoller o galardón.
Servizo nutricional e de saúde
Entre os diferentes aspectos analizados, un dos máis destacados e de maior peso na concesión do Premio foi o carácter innovador do Concili@mes á hora de apostar por un servizo de calidade, que ademais de favorecer a conciliación da vida familiar e laboral, tamén aposta pola educación en hábitos saudables. A realización de menús saudables con produtos frescos e de temporada mercados no pequeno comercio local, e a posibilidade de afrontar as diferentes intolerancias e alerxias alimentarias que se dan entre os usuarios/as, foron aspectos moi valorados na designación do Premio.
Para o Goberno "é un pracer obter este importante recoñecemento a un traballo ben feito, que contribúe a que Ames sexa coñecido por aspectos positivos coma este". Pola súa banda, Luisa Feijóo, concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, considera que “este premio é o escaparate perfecto para coñecer e difundir iniciativas e boas prácticas no ámbito municipalista que melloran a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas”.
Os diferentes programas de conciliación de Ames teñen como liñas de actuación prioritarias a Educación para a Saúde, a Educación para a Convivencia e a Educación para o Ocio.
Os programas de conciliación do Concello de Ames abarcan desde a primeira hora do día, cos Bos días coles, pasando pola comida principal nos Comedores escolares, ata a última hora coas Tardes divertidas. Ademais dentro destes programas tamén están incluídos os lúdicos, que teñen lugar nos períodos de vacacións de Entroido, Primavera, Setembro e Nadal, así como as Escolas de verán (xullo e agosto), xusto naquelas datas de maior dificultade de conciliación para as familias amesás.
Para acadar este premio o Concello tivo que presentar unha memoria na que se facía unha descrición do programa e na que había que destacar os obxectivos e as principais liñas de actuación. Ademais, seguindo os criterios do Premio, era necesario describir os recursos humanos necesarios para levar a cabo o proxecto, así como destacar o carácter innovador e a viabilidade do proxecto en caso de querer ser posto en marcha por outros Concellos.
Cabe destacar que a iniciativa Concili@mes xurde no Concello máis novo de Galicia e un dos que máis medra de xeito continuo nos últimos anos. A taxa de crecemento en Ames segue a ser positiva e ese incremento de nacementos, e de veciñanza, para o goberno local ten moito que ver, entre outras razóns, cos servizos de conciliación prestados.
A FAMP, Federación Andaluza de Municipios e Provincias, e o FUDEPA, Fundación para o desenrolo dos pobos de Andalucía, recoñeceron co Premio Progreso o programa desenvolto polo Concello de Ames Concili@mes. Este recoñecemento, para o que o proxecto foi seleccionado entre outras 12 iniciativas presentadas por 9 concellos distintos para categoría de Educación, débese ao carácter práctico do programa e ao beneficio social directo que produce na cidadanía, que o leva a exercer como reclamo poboacional evidente nun municipio cunha poboación maior a 20.000 habitantes. Baixo a pestaña de descargas, pode atopar os proxectos presentados na categoría de Educación dos Premios Progreso.
A esta edición presentáronse un total de 113 proxectos e 70 concellos, cunha gran presenza de traballos de entidades e organismos públicos de fóra da comunidade autónoma de Andalucía. Con este premio, a Federación Andaluza de Municipios e Provincias destaca o papel dos Concellos no benestar da cidadanía, de aí que se queira recoñecer e impulsar aquelas iniciativas máis orixinais e innovadoras que repercutan de xeito directo na cidadanía e sirvan de modelo para outros Concellos. Así, os obxectivos do Premio son establecer un foro idóneo para o intercambio de experiencias e boas prácticas entre os Concellos e Organismos públicos que contribúan ao benestar das cidades e pobos.
A conciliación como reclamo poboacional
O proxecto Concili@mes foi presentado como un programa que repercute no crecemento poboacional, describíndose con detalle os numerosos beneficios das políticas de conciliación que se están levando a cabo no Concello de Ames, concibidas como un servizo de calidade que ademais leva aparellado un proxecto educativo. O xurado do Premio valorou moi positivamente o aspecto municipal do proxecto, así como o carácter educativo e formativo en materia de hábitos saudables dos programas de Bos días cole, Comedores escolares e Tardes divertidas. Desde o Concello deuse conta do carácter nutricional e de hábitos saudables co que conta o programa, o cal foi outro dos puntos destacados por parte do xurado.
Contido relacionado
Compostela 24 horas: "Ames recolle en Córdoba o Premio Progreso da Federación Andaluza de Municipios e Provincias polo proxecto Concili@mes"
El Correo Gallego: "Premio para Ames por sus concilias"