Pestanas principais

Unha unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia atenderá as doazóns de sangue estes xoves e venres de decembro en Bertamiráns

Mércores, 12 de decembro de 2018

[12-12-2018] A Concellaría de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade informa á veciñanza amesá de que unha unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia (CTG) acudirá este xoves 13 e venres 14 de decembro a Bertamiráns. A unidade móbil de doazón estacionará na avenida da Maía, ao carón da praza da Maía, en horario de 15:30 a 21:00 horas. Lémbrase que se deberá acudir en posesión da tarxeta de doante ou do DNI ou un documento identificativo similar. O Concello de Ames colabora coa campaña solidaria da Axencia Galega de Doazón de Sangue e Órganos #súmatedoasangue.

Dende o Centro de Transfusión de Galicia lémbrase ás e aos doantes que non se debe acudir a doar sen almorzar, e que aquelas persoas que doen despois do xantar teñen que agardar un mínimo de dúas horas para facelo. Non lles está permitido doar ás persoas menores de 18 anos nin ás maiores de 65 anos (idade a partir da cal é preciso un permiso médico).

Diariamente, os hospitais precisan entre 400 e 500 doazóns para levar a cabo o seu labor asistencial. Nestes momentos, hai un descenso nas reservas de compoñentes sanguíneos, polo que desde a Axencia de Doazón de Organos e Sangue fan un chamamento estes días á doazón. O máis necesario son os grupos sanguíneos A+ e 0-, este último coñecido como o doador universal. As reservas destes dous grupos presentan agora mesmo niveis baixos.

Recomendacións para doar
As recomendacións para persoas que queiran doar, así como os requisitos, poden obterse premendo nas ligazóns do apartado de descargas. Ademais, o Centro de Transfusión de Galicia publicou un vídeo no que se explica polo miúdo o proceso e que se pode ver premendo na seguinte ligazón https://www.youtube.com/watch?v=ONAx5Aor2JI.

Segundo indican dende o Centro de Transfusión de Galicia “as persoas que doan sangue son unha parte importante da sanidade. Están presentes nas intervencións cirúrxicas, cando se atende a persoas que sufriron un accidente de tráfico, cando se loita contra o cancro e a leucemia, cando se realiza un transplante de órganos... O sangue non se pode fabricar e só é posible obtelo coa doazón de persoas solidarias que axudan a outras a recuperar a súa saúde”.

Contido relacionado


Compostela 24 horas: "Unha unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia atenderá as doazóns de sangue en Bertamiráns"