Actualidade
[15-12-2018] O Concello de Ames acaba de poñer en marcha un novo sistema de control e acceso do persoal, así como un novo Portal do Empregado para a xestión de tempos e permisos. Durante o mes de decembro todo o persoal do Concello comezará a manexar a nova aplicación a modo de probas, de cara a poñer sobre a mesa os posibles problemas que poida ter o novo sistema. O obxectivo é poder estar utilizando xa ao 100% o novo sistema coa entrada do novo ano. Os novos terminais de lectura funcionan coa tarxeta de empregado público, de xeito que o servizo de mantemento dos dispositivos será mais sinxelo e eficaz. Esta tarxeta na actualidade xa se está a utilizar para a sinatura dixital dos documentos da Administración electrónica.
[14-12-2018] O Concello de Ames informa que dende o Grupo Naturgy comunican que co fin de efectuar traballos de mantemento e desenvolvemento na rede eléctrica necesarios para poder atender nas mellores condicións as necesidades de subministro da zona, vaise a realizar un corte na rede eléctrica o venres, 21 de decembro, de 0.00 a 3.00 horas. Deste xeito, quedarán fora de servizo varias instalacións da Avenida da Maía, en Bertamiráns, da estrada de Lapido e do paraxe do Porto. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o aviso completo.
[14-12-2018] Coa finalidade de informar ás familias usuarias do cobro regular dos programas de concialición Bos Días Cole, Comedores Escolares e Tardes Divertidas correspondentes ao MES DE NOVEMBRO indícase que o cobro realizarase o próximo día 26 DE DECEMBRO DE 2018.
[14-12-2018] A Corporación municipal aprobou por unanimidade, en sesión plenaria extraordinaria, a Conta Xeral de 2017 cun resultado orzamentario axustado con superávit de 2.650.775,06 euros, un remanente de tesourería de 4.873.854,56 euros e con débeda bancaria 0 euros, cumprindo así os obxectivos de estabilidade orzamentaria, gasto e débeda pública. A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, foi a encargada de dar traslado ao Pleno da liquidación orzamentaria de 2017, en función dos gastos, ingresos e resultado orzamentario do exercicio, nunha sesión plenaria que se prolongou por espazo dunha hora.
[14-12-2018] A Concellaría de Medio Ambiente de Ames pon en marcha unha nova campaña de reciclaxe de aceite doméstico de cara ao 2019, tralo éxito acadado na deste ano. Nesta ocasión, a Concellaría regalará embudes para facilitar a reciclaxe nos fogares, co que se espera superar a cifra acadada neste 2018, con un total de 10.967 quilos recollidos só ata finais de setembro. O Concello de Ames posúe colectores de aceite por todo o término municipal seguindo como criterio o número de habitantes existentes por zona.
[14-12-2018] Os/as integrantes da asociación Arcea – Adames, acompañados das súas monitoras, Natalia e Cristina; da concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo; do técnico municipal, Leonardo Pena; e da educadora familiar municipal, María José Gallardo; estiveron esta mañá nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro, para decorar as árbores de Nadal colocadas en ditas instalacións.
[13-12-2018] O IV Campus de fútbol sala, organizado polo FC Meigas e mailas Escolas de fútbol sala Trasgos, en colaboración co Concello de Ames, terá lugar os días 26, 27 e 28 de decembro, en horario de 10.00h a 14.00 horas, no pavillón de Bertamiráns. Dirixido a nenas e nenos nados do 2002 ao 2013, o campus contará con servizo de gardería, de 9.00h a 10.00 e de 14.00 a 14.30 horas. Para participar é preciso inscribirse, chamando ao número de teléfono 670 51 81 20 ou enviando un correo electrónico a calquera dos seguintes enderezos: fcmeigas@gmail.com ou efstrasgos@gmail.com.
[13-12-2018] O Nadal chega á Aula da Natureza este sábado, 15 de decembro, coa realización de dous obradoiros de decoración e un taller de cociña. Pola mañá, nenas e nenos de 6 a 12 anos modelarán un moucho con arxila no edificio da Aula da Natureza, mentres que pola tarde chegaralle a quenda aos adultos, que realizarán varios adornos orientados á decoración dunha mesa de Nadal. Ese mesmo día realizarase un obradoiro sobre a elaboración dun buffet de festa no Pazo da Peregrina.

O goberno municipal acaba de aprobar a licitación da Administración electrónica, por un importe de 177.561 euros, e un período de 4 anos, que será financiado con cargo ao plan Impulsa Ames, financiado a través da segunda convocatoria europea de Estratexias de Desenvolvemento Urbano Sustentable e Integrado (DUSI), cofinanciada polo programa europeo FEDER de Crecemento Sustentable 2014-2020. Desde o goberno municipal sinálase que dende hai dous anos estase a traballar neste proxecto, que pretende modernizar a Administración, tanto de portas para dentro como cara á cidadanía. O novo contrato ofrecerá, polo menos, un total de 121 funcionalidades electrónicas e formación para o persoal municipal.
[13-12-2018] O Concello de Ames, a través do departamento de Persoal, fai público a resolución pola que se aproba a lista definitiva de admitidos e excluídos do proceso selectivo para a contratación de dous técnicos de inserción/prospección de empresas para o programa "InserAmes-Brión XI". Fíxase a data de constitución do Tribunal e de baremación para o vindeiro 17 de decembro de 2018. O exame da fase de oposición terá lugar o vindeiro 19 de decembro de 2018. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter dita resolución.
- ‹ anterior
- 596 de 1384
- seguinte ›