Actualidade

Ex., 27-07-2026
Ex., 27-07-2026
Xoves, 30 de outubro de 2025
Xa está aberto o prazo de inscrición para a actividade “Unha area de sal” incluída no programa Apego

O programa Apego inicia o mes de novembro cunha chea de propostas para as crianzas. Desta volta, o vindeiro venres 7 de novembro, ás 18.00 horas, na casa da Cultura do Milladoiro, terá lugar a actividade “Unha area de sal” de María e Carme da Pontragha, quen volven a Ames cunha proposta de contos, música tradicional e baile. A actividade é de balde e está dirixida para público familiar. O prazo de inscrición está aberto desde hoxe, 30 de outubro, ata o xoves 6 de novembro. Para participar é preciso enviar un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal no que se indique o nome e apelidos das persoas asistentes, a idade das crianzas e un teléfono de contacto.

Domingo, 26 de outubro de 2025
Súmate á creación de contido en galego participando na sexta edición dos Galetiktokers

O certame Galetiktokers, organizado polos departamentos de Mocidade e Normalización Lingüística de Ames, celebrará este ano a súa sexta edición, co obxectivo de estimular a creatividade entre a mocidade, animar a creación de vídeos en galego con novos formatos e temáticas, e visibilizar a comunidade galega na rede social TikTok. Nesta ocasión, calquera persoa a partir dos 13 anos poderá participar enviando o seu vídeo en galego ata o 30 de outubro, xunto con esta ficha de participación, ao enderezo electrónico galetiktokers25@gmail.com. Haberá seis premios de 300 euros cada un, que se repartirán nunha gala que terá lugar o 22 novembro de 2025. Premendo nesta ligazón pódense consultar as bases ao completo do VI Certame Galetiktokers.

Xoves, 23 de outubro de 2025
Ames volve a promover o uso do galego no eido empresarial cos VIII Premios Lingua e Empresa

O Concello de Ames pon en marcha por oitavo ano consecutivo os Premios Lingua e Empresa, co obxectivo de recoñecer o uso e fomento da lingua galega na actividade empresarial. Optarán a este galardón todas as empresas, con sede social ou centro de actividade no concello de Ames, que sexan propostas ata o 21 de novembro por calquera persoa ou entidade, ou pola propia empresa que queira participar. A dotación económica dos dous premios que se outorgan é de 1.500 euros, que serán repartidos entre dúas categorías. A organización destes premios corre a cargo das Concellarías de Normalización Lingüística e Promoción Económica. Un total de 72 empresas presentáronse a este certame nas sete edicións anteriores, das cales 16 foron premiadas. Premendo nestas ligazóns pódense descargar as bases do concurso e a ficha de inscrición.

Xoves, 23 de outubro de 2025
O programa Apego festexa o Samaín cos contos de Ángeles Goás, “Caldo con unto e ósos de defunto!”

O programa Apego continúa coa súa programación para as crianzas nestes meses de outono. Desta volta, o venres 31 de outubro, ás 18.00 horas, festexarase o Samaín cunha sesión de contos de medo a cargo de Ángeles Goás. “Caldo con unto e ósos de defunto!” é unha sesión de contos para vivos que se acordan dos mortos. Contos que queren ser de medo pero que tamén dan risa. Esta proposta é de balde e está dirixida para público familiar. O prazo de inscrición está aberto desde o 23 ata o 30 de outubro. Para participar é preciso enviar un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodesmes.gal no que se indique o nome e apelidos das persoas asistentes, a idade das crianzas e un teléfono de contacto.

Sábado, 11 de outubro de 2025
Remata o obradoiro de acollemento lingüístico, un espazo de aprendizaxe e intercambio cultural

Este pasado xoves, 9 de outubro, rematou o Obradoiro de acollemento lingüístico “En galego, co teu acento” que se desenvolveu en Bertamiráns durante case un mes. Nesta ocasión, participaron un total de 14 persoas procedentes de diferentes lugares que, ao longo destas semanas, crearon un espazo de convivencia e intercambio cultural, ademais de aprendizaxe da lingua e cultura galegas. Por outra banda, o vindeiro luns, 13 de outubro, dará comezo a quenda deste mesmo obradoiro na localidade do Milladoiro, no que participarán un total de 20 persoas. 

Mércores, 08 de outubro de 2025
Convócase un curso de Introdución á lingua e cultura galegas en colaboración coa Xunta de Galicia

Desde hoxe está aberto o prazo de inscrición para o curso de Introdución á lingua e literatura galegas que convoca o Concello de Ames en colaboración coa Xunta de Galicia, dirixido a persoas procedentes doutras comunidades lingüísticas co obxectivo de impulsar o uso do galego e aproximar a veciñanza ao noso idioma, así como favorecer a cohesión e a integración social. Este curso de 20 horas impartirase no Pazo da Peregrina do 15 ao 30 de outubro de luns a xoves, con sesións de dúas horas e en horario de tarde, das 16:00h ás 18:00h. As inscricións, de balde, poden realizarse de xeito presencial acudindo ao Servizo de Normalización Lingüística, situado no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, chamando por teléfono ao número 662 377 215 ou a través do enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal.

Xoves, 02 de outubro de 2025
Aberto o prazo de inscrición para o concerto da Banda dos Insectos do venres 10 de outubro

O programa Apego continúa coa súa programación para as crianzas nestes meses de outono. Desta volta, o venres 10 de outubro, ás 18.00 horas, haberá un concerto no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns a cargo da Banda dos Insectos. Chegan ao programa Apego Ames para presentar un proxecto de música rock que pretende familiarizar a rapazada cos valores cooperativos e co deporte. Esta proposta é de balde e está dirixida para público familiar. O prazo de inscrición está aberto desde o 2 ata o 9 de outubro. Para participar é preciso enviar un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodesmes.gal no que se indique o nome e apelidos das persoas asistentes, a idade das crianzas e un teléfono de contacto.

Mércores, 01 de outubro de 2025
Máis de 200 persoas xúntanse na Carballeira de Ventín para participar nas “Brincadeiras miúdas” do programa Apego

A Carballeira de Ventín acolleu este pasado martes, 30 de setembro, unha nova xornada das Brincadeiras Miúdas, nas que os nenos e nenas xunto coas súas familias, puideron gozar de música, baile, xogos tradicionais e creación de xoguetes. Esta edición das Brincadeiras Miúdas xuntou a máis de 200 persoas, que gozaron nun concerto de Cé Orquestra Pantasma e participaron en xogos tradicionais, xogo libre e desestruturado e un espazo para a creación libre de xoguetes con materiais naturais.

Xoves, 25 de setembro de 2025
Xa está aberto o prazo de inscrición para a actividade do programa Apego “Onde nace a lingua” de Marta Ortiz

O programa Apego continúa coa súa programación para as crianzas nestes meses de outono. Desta volta, organizan a actividade “Onde nace a lingua” de Marta Ortiz, un espectáculo de contos, adiviñas, xogos e música onde os máis pequenos poderán asentar as súas competencias lingüísticas dun xeito lúdico e participativo. Terá lugar ás 18.00 horas, o vindeiro venres 3 de outubro, na Casa da Cultura do Milladoiro. Esta proposta é de balde e está dirixida para público familiar. O prazo de inscrición está aberto desde hoxe, xoves 25 de setembro, ata o vindeiro día 2 de outubro. Para participar é preciso enviar un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodesmes.gal no que se indique o nome e apelidos das persoas asistentes, a idade das crianzas e un teléfono de contacto.

Domingo, 21 de setembro de 2025
No obradoiro de acollemento lingüístico de Bertamiráns participan persoas procedentes de sete nacionalidades

O pasado luns, 15 de setembro, comezou o Obradoiro de acollemento lingüístico “En galego, co teu acento”, que se desenvolve na localidade de Bertamiráns ata o vindeiro 8 de outubro. Nesta ocasión, participan catorce persoas de diferentes lugares co obxectivo de achegarse á cultura e lingua galega. Esta iniciativa, na que colaboran as concellarías de Normalización Lingüística e de Benestar Social, tamén se realizará no Milladoiro do 13 de outubro ata o 5 de novembro. A inscrición para participar na quenda do Milladoiro segue aberta e aínda quedan prazas libres. Pódese facer de xeito presencial acudindo ao Servizo de Normalización Lingüística, situado no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, ou á oficina do Servizo de Atención ás Persoas Migrantes (SAMI), situada na rúa de Abaixo, número 10, do Milladoiro. Tamén poderá formalizarse a inscrición chamando por teléfono aos números 662 377 215 / 981 535 941.