- Tematica
O programa Apego continúa coa súa programación para as crianzas nestes meses de outono. Desta volta, organizan a actividade “Onde nace a lingua” de Marta Ortiz, un espectáculo de contos, adiviñas, xogos e música onde os máis pequenos poderán asentar as súas competencias lingüísticas dun xeito lúdico e participativo. Terá lugar ás 18.00 horas, o vindeiro venres 3 de outubro, na Casa da Cultura do Milladoiro. Esta proposta é de balde e está dirixida para público familiar. O prazo de inscrición está aberto desde hoxe, xoves 25 de setembro, ata o vindeiro día 2 de outubro. Para participar é preciso enviar un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodesmes.gal no que se indique o nome e apelidos das persoas asistentes, a idade das crianzas e un teléfono de contacto.
No inicio do mes de outubro, o proxecto Apego organiza a actividade “Onde nace a lingua” de Marta Ortiz, unha proposta coa que as crianzas, a través de contos, adiviñas, trabalinguas, xogos de mans e unha chea de recursos musicais, poderán comezar a traballar co ritmo e asentar as competencias lingüísticas dun xeito lúdico, divertido e participativo.
Marta Ortiz é unha artista catalá e de orixe andaluza, que leva en Galicia case dúas décadas, onde desenvolveu gran parte da súa carreira artística. No 2007 fundou a compañía Tropa de Trapo xunto co músico e narrador oral Brais das Hortas, coa que comezaron a realizar espectáculos de contacontos con música polos institutos galegos. Desde o 2017, forma parte de Charlatana Cooperativa Galega de Artistas.
Esta actividade é de balde e está dirixida a un público familiar. Desenvolverase a partir das 18.00 horas na Casa da Cultura do Milladoiro. O prazo de inscrición está aberto ata o vindeiro xoves, 2 de outubro e, para participar, é preciso enviar un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodesmes.gal no que se indique o nome e apelidos das persoas asistentes, a idade das crianzas e un teléfono de contacto.
O programa Apego, un vehículo de transmisión da lingua
O programa Apego é un proxecto de dinamización lingüística dirixido ás familias que estean a esperar un bebé ou que teñan crianzas entre 0 e 6 anos. O seu obxectivo é promover, apoiar e normalizar o uso do galego na socialización da primeira infancia, achegando recursos e unha ampla proposta de actividades lúdicas e educativas.
As persoas interesadas en sumarse á iniciativa poden facelo poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames, escribindo un correo a normalizacion@concellodeames.gal ou chamando ao número de teléfono 662 377 215. Así mesmo, tamén poden facelo cubrindo o formulario “Súmate ao apego”, que está dispoñible na páxina web do programa, apego.gal.






