- Tematica
O pasado luns, 15 de setembro, comezou o Obradoiro de acollemento lingüístico “En galego, co teu acento”, que se desenvolve na localidade de Bertamiráns ata o vindeiro 8 de outubro. Nesta ocasión, participan catorce persoas de diferentes lugares co obxectivo de achegarse á cultura e lingua galega. Esta iniciativa, na que colaboran as concellarías de Normalización Lingüística e de Benestar Social, tamén se realizará no Milladoiro do 13 de outubro ata o 5 de novembro. A inscrición para participar na quenda do Milladoiro segue aberta e aínda quedan prazas libres. Pódese facer de xeito presencial acudindo ao Servizo de Normalización Lingüística, situado no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, ou á oficina do Servizo de Atención ás Persoas Migrantes (SAMI), situada na rúa de Abaixo, número 10, do Milladoiro. Tamén poderá formalizarse a inscrición chamando por teléfono aos números 662 377 215 / 981 535 941.
Un ano máis, estase a impartir o obradoiro de acollemento lingüístico “En galego, co teu acento!”, que ten como obxectivo achegar a lingua e a cultura galega á veciñanza amesá procedente de fóra de Galicia. A iniciativa, que se desenvolve coa colaboración das concellarías de Normalización Lingüística e Benestar Social, acadou este ano a súa décimo sétima edición.
A primeira das sesións tivo lugar o pasado luns, 15 de setembro, no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, e as aulas prolongaranse ata o vindeiro 8 de outubro. As clases impártense os luns, martes, mércores e xoves, en horario de 9.30 a 11.30 horas. En total, o obradoiro componse de 15 sesións, impartidas polo persoal do Servizo de Normalización Lingüística de Ames, e ten unha duración total de 30 horas. Ademais, unha vez que se complete, cada participante recibirá un diploma acreditativo de asistencia á formación.
Nesta quenda de Bertamiráns, entre o alumnado, atopamos persoas orixinarias de Marrocos, Colombia, Venezuela, Panamá, Italia, Cataluña e Brasil. As razóns polas que decidiron inscribirse no obradoiro son bastante semellantes. A maior parte dos participantes chegaron recentemente ao concello e ven a lingua galega como un vehículo de cohesión e de integración social. Tamén destacou a súa motivación para poder comunicarse en galego coa súa familia, amizades e outras persoas do seu día a día. Así mesmo, moitas das persoas asistentes ven este obradoiro como unha oportunidade para atreverse a dar ese primeiro paso para comezar a falar galego e achegarse á cultura de Galicia.
Achegamento á lingua galega
O alcalde de Ames e concelleiro de Normalización Lingüística, Blas García, puxo en valor o esforzo das persoas participantes neste obradoiro “levades pouco tempo en Galicia e xa estades falando en galego e interesándovos por coñecer a nosa cultura, algo que é moi importante para poder integrarvos en Ames e en Galicia. Dar o paso de atreverse a falar un idioma que non coñecemos é moi importante”.
Obradoiro de acollemento lingüístico no Milladoiro
No Milladoiro, este mesmo obradoiro desenvolverase do 13 de outubro ao 5 de novembro, na Casa da Cultura, das 9:30 ás 11:30 horas. Ao remate das sesións tamén se entregará un diploma de asistencia. O curso está dirixido principalmente a persoas procedentes de fóra de Galicia, pero tamén a calquera outra persoa interesada na lingua e na cultura galega.
As persoas interesadas no obradoiro de lingua e cultura, “En galego, co teu acento!” que se vai impartir no Milladoiro poden inscribirse de balde. As inscricións formalizaranse entre as 9.00 e as 14.00 horas no Servizo de Normalización Lingüística municipal, situado no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, ou na oficina do Servizo de Atención ás Persoas Migrantes situada nas Oficinas Xerais do Milladoiro (rúa de Abaixo, número 10). Quen non poida achegarse de xeito presencial, pode inscribirse chamando por teléfono aos números 662 377 215 / 981 535 941. As prazas son limitadas e adxudicaranse por orde de inscrición.
Novas relacionadas:
Diario de Santiago: "No obradoiro de acollemento lingüístico de Bertamiráns participan persoas procedentes de sete nacionalidades"












