Pestanas principais

Súmate á creación de contido en galego participando na sexta edición dos Galetiktokers

Domingo, 26 de outubro de 2025

O certame Galetiktokers, organizado polos departamentos de Mocidade e Normalización Lingüística de Ames, celebrará este ano a súa sexta edición, co obxectivo de estimular a creatividade entre a mocidade, animar a creación de vídeos en galego con novos formatos e temáticas, e visibilizar a comunidade galega na rede social TikTok. Nesta ocasión, calquera persoa a partir dos 13 anos poderá participar enviando o seu vídeo en galego ata o 30 de outubro, xunto con esta ficha de participación, ao enderezo electrónico galetiktokers25@gmail.com. Haberá seis premios de 300 euros cada un, que se repartirán nunha gala que terá lugar o 22 novembro de 2025. Premendo nesta ligazón pódense consultar as bases ao completo do VI Certame Galetiktokers.

Por sexto ano consecutivo, os departamentos de Mocidade e Normalización Lingüística de Ames organizan o certame Galetiktokers, unha oportunidade para motivar á mocidade á creación e divulgación de contidos en galego. Neste caso, o modelo a seguir son os vídeos curtos da rede social TikTok, unha das aplicacións máis populares, sobre todo entre os máis mozos e mozas. O importe total dos premios ascende a 1.800 euros, repartidos en seis premios de 300 euros cada un.

Categorías, premios e xurado
Este ano o Galetiktokers abre as súas portas a tódalas franxas de idade. Deste xeito, poden participar mozos e mozas a partir dos 13 anos, repartidos en dúas categorías en función da idade. A primeira categoría inclúe á rapazada dos 13 aos 17 anos (ambas as idades incluídas) e a segunda engloba ás persoas a partir dos 18 anos, sen límite de idade. Ao igual que en edicións anteriores, pode participar calquera persoa, sen ter que ser veciño ou veciña do concello.

De novo, o certame repartirá un total de seis premios de 300 euros, tres por cada categoría. Catro dos premios decidiraos un xurado formado por persoas recoñecidas no ámbito audiovisual e nas redes sociais, mentres que os outros dous serán escollidos polo público, que votará premendo “gústame” nos vídeos subidos ao perfil de Instagram de Xuventude Ames Xa! (@xuventudeames). Deste xeito, en cada categoría repartiranse tres galardóns: dous do xurado e un do público. 

Características e condicións dos vídeos
Os vídeos creados para a sexta edición de Galetiktokers teñen que estar en lingua galega e deben ser de creación propia, empregando a aplicación TikTok ou a sección Reels de Instagram, cunha duración da peza audiovisual de entre 15 e 60 segundos. Será obrigatorio que a lingua teña presenza, xa sexa de xeito oral, escrito ou musical.

A temática é libre, polo que poderán presentarse no concurso pezas relacionadas coa música, co humor, o baile, coa interpretación, co deporte ou con calquera outro tema. Non se admitirán vídeos que promovan unha mensaxe violenta, denigrante ou ofensiva.

Inscrición, prazos e votación do público
Para participar no certame, é preciso enviar ao enderezo electrónico galetiktokers25@gmail.com a seguinte ficha de participación cuberta e asinada, ademais do propio vídeo que se presenta no concurso. O prazo de inscrición rematará o 30 de outubro de 2025. A organización comprobará que se cumpren os requisitos e validará a inscrición a través dun correo de confirmación.

Todas as pezas admitidas subiranse ao perfil de Instagram de Xuventude Ames Xa! (@xuventudeames), co cancelo #galetiktokers. O prazo de votación para determinar os premios do público será unicamente de dous días, das 11:00 horas do 5 de novembro ás 11:00 horas do 7 de novembro. Neste período contabilizaranse os “gústame” nas publicacións no perfil de Instagram de Xuventude Ames Xa!, do que fará falta ser seguidor ou seguidora para votar.

O Concello de Ames reserva o dereito de empregar os vídeos participantes na promoción do proxecto Galetiktokers en calquera das súas edicións. As pezas, así como o seu título e autoría, faranse públicas. Os datos persoais facilitados polas persoas participantes terán como única finalidade a participación no certame e procederase á súa eliminación unha vez se resolva esta convocatoria.

Xornadas de formación nos centros de ensino secundario
Como actividade complementaria da celebración do certame, desenvolveranse dúas xornadas de formación nos centros de ensino secundario de Ames, co obxectivo de explicar e achegarlle ao alumnado o contido do concurso, dar a coñecer a creadoras e creadores de contido en galego en TikTok, e motivar a creatividade entre a mocidade.

A formación correrá a cargo do creador de contido e tiktoker Miguel Barbazán Lesta, @miguelblesta, un dos gañadores do certame o ano pasado, e que impartirá estes obradoiros no IES do Milladoiro e no IES de Ames.

Súmate á creación de contido en galego participando na sexta edición dos Galetiktokers

Multimedia

  • Súmate á creación de contido en galego participando na sexta edición dos Galetiktokers