- Tematica
Este pasado xoves, 9 de outubro, rematou o Obradoiro de acollemento lingüístico “En galego, co teu acento” que se desenvolveu en Bertamiráns durante case un mes. Nesta ocasión, participaron un total de 14 persoas procedentes de diferentes lugares que, ao longo destas semanas, crearon un espazo de convivencia e intercambio cultural, ademais de aprendizaxe da lingua e cultura galegas. Por outra banda, o vindeiro luns, 13 de outubro, dará comezo a quenda deste mesmo obradoiro na localidade do Milladoiro, no que participarán un total de 20 persoas.
O Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, acolleu a longo destas semanas o Obradoiro de acollemento lingüístico “En galego, co teu acento”, unha iniciativa levada a cabo polas concellarías de Normalización Lingüística e Benestar Social para achegar a lingua e cultura galegas á veciñanza amesá procedente doutras comunidades lingüísticas. En total, completáronse 15 sesións, impartidas polo persoal do Servizo de Normalización Lingüística de Ames, cunha duración total de 30 horas.
Nesta quenda participaron un total de 14 persoas procedentes de Marrocos, Colombia, Venezuela, Panamá, Italia, Cataluña e Brasil que, a nivel xeral, valoraron a actividade como positiva e acolledora e salientaron as coincidencias que atoparon entre a cultura galega e a súa cultura de orixe.
Os contidos que se impartiron ao longo das sesións foron moi amplos, dende cuestións lingüísticas, ata temas relacionados coa cultura galega como música, literatura, gastronomía e tradicións.
Na última sesión do obradoiro, ademais de impartir os contidos habituais, compartíronse valoracións e experiencias xerais do paso polo obradoiro. Ao final da xornada, ademais da celebración dunha pequena merenda, realizouse unha actividade lúdica relacionada coa toponimia dos distintos lugares de Ames.
O alumnado agradeceulle ao Concello promover actividades nas que se crea un espazo seguro e de comodidade para achegarse á lingua e cultura galegas dun xeito práctico e divertido e para poñer en valor as diferentes culturas que enriquecen o Concello de Ames. Ademais, a maioría das persoas participantes destacaron que a adquisición da lingua galega é algo esencial tanto no ámbito laboral como no persoal.
A maioría das persoas participantes continuarán a súa formación no curso de Introdución á lingua e cultura galegas que convoca o Concello de Ames, en colaboración coa Xunta de Galicia, e que comezará o vindeiro mércores 15 de outubro.
Obradoiro de acollemento lingüístico no Milladoiro
No Milladoiro, este mesmo obradoiro comezará o vindeiro luns, 13 de outubro, e desenvolverase ata o 5 de novembro, na Casa da Cultura, das 9:30 ás 11:30 horas. Nesta quenda hai 20 persoas inscritas procedentes de Valencia, Colombia, Hungría, Venezuela, Bélxica, Perú, Cuba e Brasil.
Ao remate do obradoiro tamén se entregará un diploma de asistencia. O curso está dirixido principalmente a persoas procedentes doutras comunidades lingüísticas, e tamén a calquera outra persoa interesada na lingua e na cultura galegas.
Novas relacionadas:
Diario de Santiago: "Remata o obradoiro de acollemento lingüístico, un espazo de aprendizaxe e intercambio cultural, en Ames"













