Actualidade

Ex., 23-07-2026
Ex., 23-07-2026
Luns, 09 de febreiro de 2026
18 alumnos/as italianos participan nunha bolsa formativa Erasmus no IES de Ames

Un grupo de 18 alumnos/as italianos están participando durante esta semana nunha bolsa formativa Erasmus no IES de Ames, en Bertamiráns. Os mozos e mozas de 17 anos de idade cursan primeiro curso de bacharelato e participarán en clases de español e de tecnoloxía para mellorar as súas competencias académicas. Ademais, teñen previsto facer distintas visitas guiadas por distintas localidades galegas como Santiago de Compostela, Costa da Morte, O Grove, A Toxa, etc. Dita programación comezou esta mañá cunha visita á Casa do Concello de Ames.

Xoves, 05 de febreiro de 2026
O CEIP Agro do Muíño acolleu a presentación da programación Galicia explora o ceo. Camiño da eclipse 2026 da Xunta de Galicia

O CEIP Agro do Muíño foi o colexio elixido pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, para presentar Galicia explora o ceo. Camiño da eclipse 2026, a programación divulgativa e científica da Xunta de Galicia nos centros escolares con motivo da eclipse solar do 12 de agosto. A programación, coordinada polo Centro de Innovación Educativa e Dixital, articúlase en 26 iniciativas deseñadas para acompañar á comunidade educativa ao longo do curso e están organizadas en catro bloques cun enfoque interdisciplinar. Ademais, o Concello de Ames está elaborando unha programación específica para poder ver a eclipse solar dende diferentes lugares do municipio.

Domingo, 18 de xaneiro de 2026
O Concello recibe unha axuda de 214.348 euros para sufragar gastos de mantemento e para a gratuidade das escolas municipais de educación infantil

O Concello de Ames recibiu a resolución da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Xunta de Galicia, na que se lle concede unha axuda de 214.348,79 euros, para o funcionamento e gratuidade da atención educativa das escolas infantís municipais de O Bosque e A Madalena durante o curso 2025-2026. Deste xeito, a axuda concederase en dúas liñas: 84.000 euros para gastos de mantemento das escolas infantís, e 130.348,79 euros para a gratuidade da educación infantil nas escolas municipais.

Sábado, 17 de xaneiro de 2026
Aberto o prazo para inscribirse no programa de conciliación Primavera Lúdica 2026

Dende este venres, 16 de xaneiro, e ata o venres 30 de xaneiro, estará aberto o prazo para inscribirse no servizo de conciliación Primavera Lúdica, que se desenvolverá os días 30 e 31 de marzo e 1 e 6 de abril de 2026. No programa poderán participar familias empadroadas no Concello de Ames, con nenos e nenas escolarizados no segundo ciclo de educación infantil ou de primaria no curso 2025-2026, e que acrediten a necesidade de conciliar a vida laboral coa familiar. A Primavera Lúdica ten un horario de 7:30 a 16:00 horas, e inclúe os servizos de comedor e Bos Días. As familias interesadas deberán entregar a documentación necesaria na Sede electrónica do Concello de Ames, ou nas oficinas de asistencia en materia de rexistro do Concello de Ames (O Milladoiro e Bertamiráns).

Xoves, 01 de xaneiro de 2026
O programa de conciliación Nadal Lúdico acolle a máis de 100 rapaces e rapazas de Ames

Ata 108 nenos e nenas escolarizados no segundo ciclo de Educación Infantil ou en Primaria participan estes días no programa Nadal Lúdico, iniciado o pasado 22 de decembro. Un espazo de ocio para os cativos e cativas destinado a compatibilizar a vida laboral e familiar, organizado polo Concello de Ames a través da Concellaría de Educación. A programación durará ata o vindeiro 7 de xaneiro, ao rematar as festas de Nadal. O alcalde de Ames, Blas García, e a concelleira de Educación, Beatriz Martínez, achegáronse este pasado martes, 30 de decembro, ata as instalacións do CEP de Ventín para comprobar como se está desenvolvendo o programa durante este Nadal.

Domingo, 28 de decembro de 2025
Apróbase a concesión das axudas para adquirir libros de texto e material escolar para o alumnado de 2º ciclo de infantil

A Xunta de Goberno Local aprobou o pasado 11 de decembro a concesión de axudas por valor de 982,09 euros entre 14 solicitantes das axudas para a adquisición de libros de texto e material escolar destinadas ao alumnado do segundo ciclo de educación infantil (curso 2025-2026). O importe máximo concedido por cada nena ou neno ascende a 120 euros. Denegouse dita axuda a 6 solicitantes por presentar a solicitude fóra de prazo ou porque a unidade familiar superaba o 100% do IPREM.

Venres, 19 de decembro de 2025
O IES Plurilingüe de Ames celebra con éxito a primeira Mock Conference que recrea unha conferenciada da ONU sobre cambio climático desenvolvida por completo en inglés

O IES Plurilingüe (IESP) de Ames foi este xoves, 18 de decembro, o escenario da primeira Mock Conference: unha simulación dunha conferencia internacional. Nesta experiencia única participou todo o alumnado de 3º da ESO, do que se seleccionou a 16 grupos para que cada un representara a un país. Durante unha xornada intensa, os estudantes convertéronse en auténticos delegados diplomáticos e debateron co fin de buscar solución fronte á crise climática global, utilizando o inglés como ferramenta de traballo e comunicación.

Domingo, 14 de decembro de 2025
​Apróbase a concesión de 20.000 euros para a promoción de actividades organizadas polas ANPAS durante o exercicio 2025

A Xunta de Goberno Local aprobou o pasado 4 de decembro a concesión de axudas por valor de 19.999,16 euros, para a promoción de actividades organizadas polas ANPAS dos centros educativos municipais durante o exercicio 2025. Os conceptos subvencionables son os de viaxes culturais, actividades extraescolares, organización de encontros e xornadas, mobiliario, material didáctico, e actividades que fomenten a conciliación da vida laboral e familiar durante as xornadas lectivas. Un total de 9 ANPAS beneficiaranse desta convocatoria de axudas.

Xoves, 11 de decembro de 2025
O alumnado do IES do Milladoiro organiza a segunda Gala Solidaria por Palestina “Reconstruíndo Con-Sentido”

O alumnado de Artes Escénicas de primeiro de Bacharelato do IES do Milladoiro organiza, por segundo ano consecutivo, a Gala Solidaria por Palestina, que terá lugar este venres, 12 de decembro, ás 20:00 horas, no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro. O evento conta coa colaboración do Concello de Ames e da ANPA do IES do Milladoiro. A gala mantén o seu compromiso solidario: todo o recadado será doado integramente á ONG “Paiasos en Rebeldía”, entidade que traballa en territorios en conflito empregando o humor e o acompañamento emocional como ferramentas de apoio para as crianzas.

Venres, 05 de decembro de 2025
Aberto o prazo para inscribirse no programa de conciliación Entroido Lúdico 2026

Desde este venres, día 5, ata o venres 19 de decembro está aberto o prazo de inscrición para o programa de conciliación Entroido Lúdico, que se realizará os días 16, 17 e 18 de febreiro. No programa poderán participar familias empadroadas en Ames con crianzas escolarizadas no segundo ciclo de educación infantil e primaria neste curso escolar e que acrediten a necesidade de conciliar a vida laboral coa familiar. O programa inclúe os servizos de comedor e Bos días e os horarios de entrada e saída son bastante amplos e flexibles, adaptándose ás necesidades familiares. As familias interesadas deberán entregar a documentación necesaria na Sede Electrónica ou de maneira presencial nas oficinas de asistencia en materia de rexistro do Concello de Ames. Ao pé desta nova podes atopar os anexos de solicitude.