Pestanas principais

Aberto o prazo para inscribirse no programa de conciliación Entroido Lúdico 2026

Venres, 05 de decembro de 2025

Desde este venres, día 5, ata o venres 19 de decembro está aberto o prazo de inscrición para o programa de conciliación Entroido Lúdico, que se realizará os días 16, 17 e 18 de febreiro. No programa poderán participar familias empadroadas en Ames con crianzas escolarizadas no segundo ciclo de educación infantil e primaria neste curso escolar e que acrediten a necesidade de conciliar a vida laboral coa familiar. O programa inclúe os servizos de comedor e Bos días e os horarios de entrada e saída son bastante amplos e flexibles, adaptándose ás necesidades familiares. As familias interesadas deberán entregar a documentación necesaria na Sede Electrónica ou de maneira presencial nas oficinas de asistencia en materia de rexistro do Concello de Ames. Ao pé desta nova podes atopar os anexos de solicitude.

O Concello de Ames, a través do departamento de Educación, organiza unha nova edición do servizo de conciliación Entroido Lúdico, unha proposta educativa e de ocio que pretende axudar á conciliación entre a vida laboral e persoal da veciñanza de Ames durante o período non lectivo do Entroido, os días 16, 17 e 18 de febreiro. Para facer uso do servizo é preciso acreditar a necesidade de conciliación coa documentación pertinente.

Os centros nos que se desenvolverá o Entroido Lúdico deste ano serán a EEI do Milladoiro, o CEP de Ventín e o CEIP da Maía, ofertando cada centro un total de 30 prazas, excepto no caso do CEIP da Maía que son 30 prazas para infantil e outras 30 para primaria. En total ofértanse 120 prazas. 

O programa oferta os servizos de conciliación habituais dentro do concello, como o Bos Días ou o comedor, para así adaptarse ás necesidades de cada familia. Así mesmo, os horarios de entrada dos nenos e nenas poden comezar ás 7:30 ou ás 9:30 horas, cun almorzo opcional para as crianzas máis madrugadoras, mentres que as horas de recollida serán ás 14:00 ou ás 16:00 horas. 

Presentación de solicitudes
O prazo de inscricións está aberto desde o 5 ata o 19 de de decembro. As solicitudes poderán facerse de forma presencial das oficinas de asistencia en materia de rexistro do Concello de Ames (Milladoiro ou Bertamiráns) ou de forma telemática a través da Sede Electrónica. Tamén se poden presentar a través de calquera outro rexistro ao que se refira o artigo 16 da Lei 39/2015, de 1 de outubro de procedemento administrativo común das AAPP. 

Unha vez rematado o prazo de inscrición, publicarase a listaxe provisional de persoas admitidas e excluídas na sección de avisos da web municipal e na páxina conciliames.gal, na que se establecerá un prazo para entregar a documentación requirida naqueles casos nos que sexa preciso.

Documentación necesaria
As persoas interesadas deben presentar, salvo que xa estea en poder do persoal do departamento de Educación, a seguinte documentación: copia auténtica ou cotexada do libro de familia e do DNI do titular da conta; documentación que indique a ocupación dos pais, nais, ou responsables legais; certificados de traballo e, de ser o caso, certificación de estar realizando cursos de formación ou calquera outra que especifique a necesidade de conciliar a vida laboral e familiar. De ser o caso, deberá presentarse ademais, un informe médico que acredite a necesidade de dieta ou calquera outro tipo de tratamento especial. No caso de ruptura familiar, tamén se debe presentar documentación que o xustifique.

Para máis información pódese chamar ao número de teléfono do departamento de Educación, o 981 891 476, ou ben enviar un correo electrónico ao enderezo educacion@concellodeames.gal.

Aberto o prazo para inscribirse no programa de conciliación Entroido Lúdico 2026

Multimedia

  • Aberto o prazo para inscribirse no programa de conciliación Entroido Lúdico 2026