- Tematica
O CEIP Agro do Muíño foi o colexio elixido pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, para presentar Galicia explora o ceo. Camiño da eclipse 2026, a programación divulgativa e científica da Xunta de Galicia nos centros escolares con motivo da eclipse solar do 12 de agosto. A programación, coordinada polo Centro de Innovación Educativa e Dixital, articúlase en 26 iniciativas deseñadas para acompañar á comunidade educativa ao longo do curso e están organizadas en catro bloques cun enfoque interdisciplinar. Ademais, o Concello de Ames está elaborando unha programación específica para poder ver a eclipse solar dende diferentes lugares do municipio.
A visita comezou co conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, acompañado do alcalde de Ames, Blas García, e a directora do CEIP Agro do Muíño, Mari Carmen Liñares, facendo un percorrido por diferentes aulas do centro. O alumando estivo participando en actividades relacionadas coa eclipse e co sistema solar. Entre as actividades que realizaron destacan maquetas do sistema solar, kits de iniciación á electrónica, xogos de scratch táctil ou actividades con protectores de chan, entre outros.
En dita visita tamén participaron a concelleira de Educación e Mocidade do Concello de Ames, Beatriz Martínez; o concelleiro de Xestión do Medio Natural, Javier Antelo; a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández; a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo; o director do CIEDIX, Jorge Eduardo Regueiro; o físico e catedrático da Universidade de Santiago, Jorge Mira; e o investigador do departamento de Física de partículas do IGFAE (Instituto Galego de Física de Altas Enerxías), Nestor Armesto; e concelleiros/as do grupo municipal do Partido Popular de Ames.
26 iniciativas para acompañar á comunidade educativa
A programación, coordinada polo Centro de Innovación Educativa e Dixital, articúlase en 26 iniciativas deseñadas para acompañar á comunidade educativa ao longo do curso e están organizadas en catro bloques cun enfoque interdisciplinar. Esta estrutura, aberta á incorporación de novas propostas doutras institucións científicas e divulgativas, permite ofrecer propostas adaptadas ás distintas etapas educativas, combinando accións de observación e experimentación con actividades culturais e tecnolóxicas.
Neste sentido, a Consellería de Educación e Ciencia busca aproveitar o fenómeno astronómico entre o alumnado para integrar a ciencia, as humanidades, a arte e a cultura, así como impulsar a innovación e as vocacións STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas). Isto tamén posibilita a posta en práctica dos coñecementos aprendidos nas aulas e outorgaralles unha oportunidade formativa irrepetible para favorecer a cultura científica e o pensamento crítico, así como seguridade e responsabilidade social.
O alcalde de Ames, Blas García, agradeceu que a Xunta escollese un colexio de Ames para a presentación desta campaña. “Somos un referente en toda Galicia polo crecemento demográfico que temos todos os anos e tamén polos servizos de conciliación municipais. É moi importante implicar aos nenos e nenas na investigación, innovación e nas novas tecnoloxías, porque iso vai a repercutir para que no futuro teñamos máis persoas que se dediquen á ciencia e á investigación. Dende o Concello xa levamos anos organizando o InnovAmes, no que todos os centros educativos participan con proxectos moi innovadores, que desenvolven ao longo do curso, e que os presentan nesta xornada, que cremos que pode servir para fomentar a vocación da ciencia entre o alumnado amesán”.
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, destacou que “a eclipse é un acontecemento que debemos aproveitar, e desde a Xunta de Galicia xa estamos traballando de cheo por reforzar o impacto positivo deste fito” a través dunha comisión interdepartamental que agrupa aos departamentos das Consellerías de Presidencia, Xustiza e Deportes; Medio Ambiente e Cambio Climático; Educación, Ciencia, Universidades e FP e Sanidade, así como da Axencia Turismo de Galicia. Ademais, sinalou este fenómeno astronómico como “unha oportunidade de país, de marca Galicia Calidade, unha ocasión para unir ciencia, educación e sociedade nun proxecto común. E non só iso, senón que tamén supón unha oportunidade para a divulgación da ciencia entre o alumnado”.
Catro bloque de actividades
Concretamente, o primeiro bloque (Ciencia, observación e seguridade) de actividades céntrase na compresión dos fenómenos astronómicos asociados ás eclipses e na promoción dunha observación segura, fundamentada e accesible. Inclúe oito iniciativas: o Galiverso explora o ceo, unha experiencia inmersiva; Astronomía escolar, unha exposición para ensinar ao alumnado a explorar o ceo; O ceo nas túas mans, que versa sobre astronomía accesible; Solarsafe, un obradoiro experimental sobre sistemas seguros de observación de eclipses; Eclipse Lab Expert, un encontro dixital con especialistas sobre a ciencia galega; Detectives do espectro, unha actividade de experimentación científica sobre as cores da luz; Ecocósmico, unha iniciativa guiada de investigación sobre o hidróxeno no universo, e Cazadoras de sobras, un proxecto de observación e medición.
O segundo bloque (Educación, comunidade e territorio) concibe a eclipse como un proxecto educativo colectivo, que transcende a aula e se estende á comunidade. Reúne iniciativas orientadas ao profesorado, aos Polos Creativos, ás bibliotecas escolares e á divulgación social, contando con outras oito actividades programadas. Son as seguintes: Pasaporte Explora o Espazo, un itinerario de retos desde os Polos Creativos; as xornadas divulgativas De Galicia ao espazo nos Polos Creativos, accións formativas para docentes galegos desde os Polos Creativos, divulgación científica en redes sociais para falar da eclipse desde a óptica de diferentes persoas investigadoras, Recursos que iluminan a través de cREAgal, recursos educativos abertos; un recurso itinerante baixo o nome de Maletas viaxeiras Lourenzo e Catalina xogan ás agachadas, Eclipselab 2026, unha biblioteca-laboratorio e o evento científico Congreso Invisibles 2026.
O terceiro bloque (Ciencia, arte e cultura) integra actividades que exploran a eclipse desde unha perspectiva cultural, artística e humanística. O obxectivo destas actividades, integradas por cinco iniciativas diferentes, é ampliar a cultura científica. Falamos de Relatos na penumbra, un proxecto de creación literaria; Sombras que pintan: arte, luz e cultura, unha actividade de creación artística; Constelacións de lenda: mitos para explicar o ceo, un obradoiro sobre cultura e tradición oral, Detectives da historia: as eclipses ao longo do tempo, para afondar na investigación histórica entre o alumnado, e Constelacións en foco: fotografía científica e creativa do ceo, pensada para a creación audiovisual.
Por último, o cuarto bloque (STEM e innovación educativa) conta con cinco actividades que se centran na tecnoloxía, na modelización científica, na robótica e na exploración espacial, dirixidas principalmente ás etapas de Secundaria, Bacharelato e FP. Trátase das actividades: Misión Eclipse: escape room científico, unha gamificación científica; Blader no cosmos, un proxecto de simulación 3D; Misión H₂0: destino Marte, a través de iniciativas de robótica educativa; a actividade de investigación guiada Misión orbital: vivir e investigar no espazo e a gamificación científica Código Umbra: operación eclipse no Eduardo Barreiros.
Novas relacionadas
El Correo Gallego: "Educación elige Ames para divulgar su programa escolar ante el eclipse de sol"
Lindeiros: "Galicia explora o ceo desde Ames coa vista posta na eclipse de agosto"
























