Pestanas principais

O alumnado do IES do Milladoiro organiza a segunda Gala Solidaria por Palestina “Reconstruíndo Con-Sentido”

Xoves, 11 de decembro de 2025

O alumnado de Artes Escénicas de primeiro de Bacharelato do IES do Milladoiro organiza, por segundo ano consecutivo, a Gala Solidaria por Palestina, que terá lugar este venres, 12 de decembro, ás 20:00 horas, no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro. O evento conta coa colaboración do Concello de Ames e da ANPA do IES do Milladoiro. A gala mantén o seu compromiso solidario: todo o recadado será doado integramente á ONG “Paiasos en Rebeldía”, entidade que traballa en territorios en conflito empregando o humor e o acompañamento emocional como ferramentas de apoio para as crianzas.

Baixo o lema “Reconstruíndo Con-Sentido”, dende o IES do Milladoiro explican que a gala nace co propósito de sensibilizar sobre a situación de silenciamento e sufrimento que atravesa a poboación palestina, especialmente no contexto da recente “tregua”, e de poñer o foco na importancia de que calquera proceso de reconstrución do territorio se faga co consentimento expreso da poboación palestina, afastado de intereses alleos e especulativos.

A iniciativa aposta por visibilizar a defensa da paz e dos dereitos humanos universais empregando a cultura como ferramenta de cambio social. Un activismo protagonizado por xente moza que é a que fai de motor desta gala, posto que todas e todos os artistas implicados son adolescentes con todo o poder transformador da súa arte (Retranqueiriñ@s, Teen, Regueifatour, María e Dora e moitas máis sorpresas como a colaboración de Fran Rei).

O alumnado preparou un espectáculo que combinará intervencións artísticas, performances e accións escénicas, articuladas a través dun peculiar “telexornal” e unha “máquina do tempo” con moita música, danza, teatro, audiovisual, regueifa... e moitas sorpresas. A narrativa do espectáculo propón unha viaxe creativa pola memoria, a resistencia e a esperanza, usando a arte como vehículo para reflexionar e conmover.

Tamén se contará coa instalación de pancartas cedidas pola asociación “A Casa Branca” e un audiovisual do fotoxornalista Alejandro Zapico. Ademais, presentarase o proxecto artístico colectivo “Cartografías Téxtiles: Tecendo solidariedade con Palestina”, realizado por toda a comunidade educativa do centro que conforma un gran tapiz colectivo, que transmite mensaxes de esperanza, solidariedade, xustiza e paz.

A arte que abriga, que une e que resiste: “Un fío, un xesto; moitos fíos, un cambio”
A gala mantén o seu compromiso solidario: todo o recadado será doado integramente á ONG “Paiasos en Rebeldía”, entidade que traballa en territorios en conflito empregando o humor e o acompañamento emocional como ferramentas de apoio para as crianzas. Tal e como subliña o alumnado organizador, “reconstruír con-sentido implica reconstruír con sorrisos”.

O IES do Milladoiro convida á cidadanía a participar desta cita que une creación escénica, empatía, espírito crítico e compromiso social. Os bonos axuda poden retirarse no bar da Casa da Cultura do Milladoiro e na conserxería do instituto.

Como peche da gala convídase a todas as persoas que estean interesadas a participar na 2ª Foliada Solidaria Aberta: un momento para bailar, cantar e danzar pola paz e berrar ben alto non ás guerras. Nela participarán Retranqueiriñ@s e o colectivo María Raxeta. Trae a túa voz, o teu instrumento e as ganas de bailar nun espazo comunitario e nun ambiente creativo, seguro e inclusivo. Xuntarémonos na saída do auditorio, e teremos chocolate e doces para “re-construírnos con-sentido”.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "El Instituto do Milladoiro llama a apoyar al pueblo en su segunda Foliada Solidaria por Palestina"

O alumnado do IES do Milladoiro organiza a segunda Gala Solidaria por Palestina “Reconstruíndo Con-Sentido”

Multimedia

  • O alumnado do IES do Milladoiro organiza a segunda Gala Solidaria por Palestina “Reconstruíndo Con-Sentido”