- Tematica
Ata 108 nenos e nenas escolarizados no segundo ciclo de Educación Infantil ou en Primaria participan estes días no programa Nadal Lúdico, iniciado o pasado 22 de decembro. Un espazo de ocio para os cativos e cativas destinado a compatibilizar a vida laboral e familiar, organizado polo Concello de Ames a través da Concellaría de Educación. A programación durará ata o vindeiro 7 de xaneiro, ao rematar as festas de Nadal. O alcalde de Ames, Blas García, e a concelleira de Educación, Beatriz Martínez, achegáronse este pasado martes, 30 de decembro, ata as instalacións do CEP de Ventín para comprobar como se está desenvolvendo o programa durante este Nadal.
O obxectivo do Nadal Lúdico é dar acollida a nenos e nenas en idades de entre 3 e 12 anos durante as vacacións de Nadal e así favorecer á conciliación familiar. A proposta baséase nun lecer educativo de calidade, creando un ambiente acolledor, seguro e motivador tanto para os participantes como para as súas familias a través de xogos, obradoiros, dinámicas de grupo e actividades especiais de Nadal. Todo, durante os días 22, 23, 24, 26, 29, 30 e 31 de decembro e 2, 5 e 7 de xaneiro.
Este ano a participación é de 108 escolares, un máis que na edición anterior. 35 participan no CEIP A Maía; 34, na EEI Milladoiro; e os 39 restantes no CEP Ventín. Os rapaces e rapazas están divididos en 3 grupos de idade: o grupo 1 para os nenos e nenas de 3 a 5 anos; o grupo 2 para nenos e nenas de 6 a 8 anos; e o grupo 3 para nenos e nenas de 9 a 12 anos. En canto aos horarios, estes están axustados á maior comodidade para as familias, sendo a entrada de 07.30 a 09.00 horas (con almorzo dispoñible ata as 08.30 horas) e a saída entre as 14.30 e as 16.00 horas, con posibilidade de comedor.
Programación do Nadal Lúdico 2025
A temática xeral deste ano é “A Aldea do Nadal: axudantes máxicos”, onde os nenos e nenas se converten en asesores máxicos dunha pequena aldea na que cada día asumen diferentes misións asociadas ao seu rol, como decorar, crear, xogar, axudar e celebrar. Este fío condutor serve como motor para potenciar nos cativos e cativas a ilusión do Nadal e a cooperación entre compañeiros e compañeiras.
Durante o programa, os pequenos e pequenas desfrutarán de numerosas actividades. Dende obradoiros de decoración e manualidades, ata a gran festa de Nadal e de despedida de ano, pasando por xogos cooperativos e contacontos, os escolares aprenderán a desenvolver a autonomía persoal e a expresión emocional mediante os valores asociados ao Nadal, como a solidariedade, o respecto, igualdade, amizade e empatía. Nos días 24 e 31 de decembro a planificación foi máis flexible, adaptándose aos ritmos dos nenos e nenas.
Xa en xaneiro, a programación irá encamiñada á chegada dos Reis Magos, con ambientación temática e diferentes obradoiros, como o de xoguetes ou o de cartas aos Reis, onde os cativos poderán traballar a imaxinación elaborando pequenos xogos. O Nadal Lúdico rematará o 7 de xaneiro cunha gran festa de despedida con xogos e actividades.
Novas relacionadas
La Voz de Galicia: "El Nadal Lúdico de Ames atendió a más de cien menores"























