Pestanas principais

O Concello recibe unha axuda de 214.348 euros para sufragar gastos de mantemento e para a gratuidade das escolas municipais de educación infantil

Domingo, 18 de xaneiro de 2026

O Concello de Ames recibiu a resolución da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Xunta de Galicia, na que se lle concede unha axuda de 214.348,79 euros, para o funcionamento e gratuidade da atención educativa das escolas infantís municipais de O Bosque e A Madalena durante o curso 2025-2026. Deste xeito, a axuda concederase en dúas liñas: 84.000 euros para gastos de mantemento das escolas infantís, e 130.348,79 euros para a gratuidade da educación infantil nas escolas municipais.

O Concello de Ames vén de recibir a boa nova de que a Consellería de Política Social e Xuventude lle concede unha axuda de 214.348,79 euros para o funcionamento e gratuidade da atención educativa das escolas infantís municipais de O Bosque (Bertamiráns) e A Madalena (O Milladoiro). A subvención concedida está regulada pola Lei 9/2007 de subvencións de Galicia, e enmárcase dentro da orde do 18 de agosto de 2025 pola que se regulan as bases da concesión de axudas para o funcionamento e gratuidade da atención educativa das escolas infantís para o curso 2025-2026. 

Deste xeito, a atención educativa nas dúas escolas infantís municipais será de balde para todo o alumnado durante o presente curso. Tanto O Bosque como A Madalena aplicarán directamente a todos os beneficiarios un desconto do 100% no custo da matrícula, e será a Xunta de Galicia a que aboe o custo do servizo educativo. 

Para que esta medida se aplique, entenderase por atención educativa o conxunto de atencións e coidados profesionais prestados baixo unha perspectiva educativa aos nenos e ás nenas durante a súa estancia na escola infantil, segundo a modalidade de xornada pola que opten. A opción elixida implica a asistencia regular á escola infantil durante un máximo de 8 e un mínimo de 3 horas diarias, respectivamente.

Esta axuda non inclúe o custo do servizo de comedor nin as actividades extraescolares que supoñan un custo adicional cuantificable para a escola infantil.

Dúas liñas de axuda
Esta axuda, dirixida ao sostemento dos centros de educación infantil de 0 a 3 anos, consta de dúas liñas: a liña 1, que financiará gastos de mantemento dos centros, e a liña 2, que compensará a aplicación da bonificación do 100% do prezo correspondente á atención educativa e á matrícula.

A liña 1 contará con 84.000 euros, dos cales 30.545,45 euros se corresponden co ano 2025, e 53.454,55 euros co ano 2026. O período subvencionable desta liña comprende entre o 1 de setembro de 2025 e o 31 de agosto de 2026.

A liña 2 desta subvención conta cunha dotación de 130.348,79 euros. A axuda correspondente aos meses de setembro a decembro de 2025 ascende a 47.399,56 euros. Desta cantidade, á escola infantil da Madalena correspóndenlle 17.634,56 euros; e á escola infantil O Bosque, 29.765 euros. 

Por outra banda, a axuda correspondente aos meses de xaneiro a xullo de 2026 é de 82.949,23 euros. Desta cantidade, á escola infantil da Madalena correspóndenlle 30.860,48 euros; e á de O Bosque, 52.088,75 euros. O período subvencionable desta segunda liña tamén abrangue do 1 de setembro de 2025 ao 31 de agosto de 2026, pola totalidade do alumnado, para aqueles Concellos que apliquen a correspondente bonificación.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Ames recibe 214.000 € para a gratuidade das escolas infantís"

Diario de Santiago: "O Concello de Ames recibe unha axuda de 214.348 euros para sufragar gastos de mantemento e para a gratuidade das escolas municipais de educación infantil"

O Concello recibe unha axuda de 214.348 euros para sufragar gastos de mantemento e para a gratuidade das escolas municipais de educación infantil