Solapas principales

Departamento de Turismo

    • Dirección: Casa do Concello. Praza do Concello, número 2, Bertamiráns.
    • Teléfono: 981 88 30 02, extensión 9966.
    • Horario de atención al público: 09:00 a 14:00h.
    • Responsable municipal:
    • Responsable técnico:
      • Sonia Moure Oliveira, técnica de turismo.

Noticias del departamento

Esta mañá a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, achegouse ao lugar de Augapesada, na parroquia de Ames, para ver o estado da ponte romana de Augapesada, despois dos traballos de acondicionamento que foron subvencionadas nun 55% dos custo total pola Axencia de Turismo de Galicia. O importe restante, que ascende a 12.225 euros, foi sufragado con fondos municipais. Nava Castro foi recibida polo alcalde de Ames, Blas García, e polo concelleiro de Turismo, Manuel Lens. Dita ponte está situada no Camiño Real de Santiago a Fisterra-Muxía.

O Concello de Ames, a través do departamento de Turismo, puxo en marcha a iniciativa Café con Verso, para renderlle homenaxe a Rosalía de Castro. O Café con Verso estivo amenizado por intervencións musicais a cargo de Luís O’Caruncho e Oli Xiráldez en diversos establecementos hostaleiros do concello, nos que tamén se repartiron tarxetas con versos rosalianos para difundir a obra e o pensamento de Rosalía. Ademais, con motivo da celebración do Día de Rosalía, o  Concello tamén organizou a actividade Caldo de Gloria nos comedores escolares municipais, nos que se repartiron manteis co poema “Miña casiña, meu lar”.

“Altamira brilla”. Un libro sobre a batalla, o plan director que debuxa os plans de futuro para a fortaleza, unha ruta polos encraves máis importantes que abeiran ao suceso histórico, unha recreación teatral e un concerto son os elementos que conformaron a celebración de "Altamira brilla", a 1ª Festa Histórica de A Maía que se desenvolveu en Pontemaceira e nas Torres de Altamira a pasada fin de semana. A celebración pospuxérase en dúas ocasións, a primeira delas debido a cuestións meteorolóxicas, e a segunda a causa da COVID19. A festa nace con vocación de continuidade, coa esperanza de que en vindeiras edicións a participación sexa masiva e non estea limitada polas restricións de aforamento que marcan as normativa actual de loita contra a pandemia e coa intención de que se converta nun motor cultural e económico para a bisbarra da Maía.

A artesá Ana Rosa Lista vén de participar na Mostra Internacional de Renda de Bilros de Peniche, en Portugal, que se celebrou do 14 ao 16 de xullo. Foron tres días dedicados a esta arte centenaria, símbolo maior da artesanía e da identidade de Peniche. A palilleira representou a Ames cun “stand” no que mostrou unha escolma do seu traballo, xunto a outras artesás de ata 21 países. O encaixe galego estivo representado por Ames, pero tamén por artesás de Camariñas, Muxía e Mos.

A Casa Escola Obradoiro da palilleira amesá, Ana Rosa Lista, está na actualidade impartindo clases de encaixe galego popular no centro social A Nosa Galicia de Xenebra. A palilleira amesá, que é mestra de encaixe da Xunta de Galicia, estará en Suíza ata o 22 de outubro ofrecendo este obradoiro a 17 alumnas en horario de tarde. Ademais, acudiu a semana pasada ao IES Luís Seoane, de Pontevedra, para presentar a exposición na que reproduciu 17 cadros do pintor e xornalista, Luís Seoane, feitos con mistura de encaixe e pintura. O Concello ten a intención de poder expoñer esta mostra proximamente en Ames.

A artista amesá Ana Rosa Lista vén de participar na Mostra Internacional de Renda de Bilros de Peniche, en Portugal, que regresou nesta pasada fin de semana, do 15 ao 17 de xullo, dous anos despois da súa última edición. A palilleira representou a Ames cun “stand” no que mostrou unha escolma do seu traballo, xunto a outras artesás de ata 12 países. O encaixe galego foi o máis presente nesta exposición internacional, con postos de artesanía de Ames, Mos, Muxía e Ourense.

O pasado domingo 27 de febreiro continuou a andaina por etapas a través da ruta “Ría de Muros-Noia”, unha actividade organizada pola parroquia de Ortoño, en colaboración da Concellaría de Turismo. As persoas participantes andaron arredor de 15 quilómetros dende Santiago de Tal, en Muros, ata Serra de Outes.

Os pasados sábados 9 de abril e 14 de maio, a parroquia de Ortoño, coa colaboración da Concellaría de Turismo, vén de percorrer a terceira e a cuarta etapa da ruta de peregrinación “Ría de Muros-Noia”. As persoas participantes andaron en abril uns 15 quilómetros de Outes a Noia, mentres que esta pasada fin de semana continuouse dende a vila noiesa ata Sedofeito, no concello de Lousame.

A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle ata o 26 de decembro unha exposición itinerante do Camiño de Fisterra e Muxía. A mostra pódese visitar en horario de 9.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 21.00 horas. Cómpre destacar que o sábado 24 e mailo domingo 25 de decembro a Casa da Cultura de Bertamiráns estará pechada. Tras estar en Ames a mostra continuará a súa itinerancia polos concellos de Cee, Corcubión, Dumbría e Fisterra. O director da mostra, que está organizada por Expogal, é Pepe Barro, deseñador e autor do proxecto Até o Fin. O deseño correu a cargo do arquitecto, Mario Crecente, e as imaxes son do fotógrafo Álvaro Arribi. As persoas que visiten a exposición poderán facer achegas sobre o Camiño na web www.ateofin.gal ou a través do correo electrónico asociacion@ateofin.gal.

A Xuntanza de Empresarios de Ames, en colaboración co Concello de Ames, organiza a terceira edición do concurso de fotografía Enfoca Ames. O obxectivo deste certame é fomentar o achegamento da cidadanía aos lugares máis emblemáticos do concello de Ames. As persoas participantes deberán presentar unha fotografía que recolla o patrimonio natural, artístico e/ou cultural do concello de Ames. Admítese unha fotografía por cada unha das tres categorías existentes. A participación no concurso é gratuíta. O prazo de entrega das imaxes remata o 11 de xuño de 2023. As fotografías teñen que ser enviadas xunto coa ficha de inscrición por correo electrónico ao enderezo enfocames@gmail.com.

Eventos del departamento

O vindeiro xoves, 12 de outubro, vaise realizar unha andaina e xantar popular que se enmarca dentro da programación do centenario do Seminario de Estudos Galegos. A andaina discorrerá entre Compostela e Ortoño, emulando a andaina fundacional que realizaron algúns dos membros do Seminario de Estudos Galegos hai 100 anos.

O adro de San Xoán de Ortoño acollerá este venres, 30 de decembro, ás 17:00 horas, un concerto de campás ofrecido pola Asociación Cultural Campaneiros de Galicia, “As campás, o son do Camiño”. Así mesmo, o investigador Estanislao Fernández de la Cigoña ofrecerá unha charla sobre a historia das campás, mentres que José Enrique López Ocampo, fundidor de campás, explicará o seu proceso de fabricación. 

A Casa Escola Obradoiro Ana Rosa e o Concello de Ames inauguran este venres 8 de abril a exposición de encaixe “Fiando Recordos”, un conxunto de pezas de artesanía e pintura nas que se plasma parte da obra dun dos grandes deseñadores e artistas galegos do século XX, Luis Seoane. A inauguración terá lugar no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, ás 18:30 horas, mentres que a exposición poderá visitarse do 8 ao 10 de abril, de 11:00 a 20:30 horas. Ademais, a palilleira tamén impartirá dúas charlas sobre a historia do encaixe na fin de semana, ás 19:00 horas.

O día 16 de marzo inaugurarase a última iniciativa da programación organizada polo Concello de Ames con motivo da conmemoración do Día de Rosalía, a exposición "O herbario de Rosalía". Trátase dunha mostra na que se recolectarán diversas plantas e flores plasmadas na obra da escritora, e que estará aberta aos visitantes ata o domingo 2 de abril, no Pazo da Peregrina (Bertamiráns). Ás 13:45 horas terá lugar a plantación da camelia híbrida doada pola Fundación Rosalía, e ás 14:00 horas procederase á inauguración do espazo. 

Os concellos de Ames, Brión, Dodro e Padrón programan para o vindeiro sábado, 29 de abril, unha saída pola ruta rosaliana que transcorre polos lugares máis emblemáticos da vida de Rosalía de Castro e o seu legado literario. Trátase dun itinerario que segue o trazado orixinal proposto por Avelino Abuín de Tembra na década dos noventa, actualizado polo presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, no ano 2017, e presentado na feira de turismo Fitur en colaboración con esta entidade, convertido nun proxecto turístico intermunicipal denominado “As Pegadas de Rosalía”, en xaneiro do ano 2018. As inscricións son gratuítas e deberán realizarse a través desta ligazón  ata o día 25 de abril. As prazas serán adxudicadas por orde de rexistro e deberase seleccionar o punto de saída e regreso do autocar.

A conmemoración da histórica Baralla de Altamira dará comezo o venres 10 de xuño coa presentación do proxecto e posta en valor das Torres de Altamira e as investigacións e os avances nos traballos para a elaboración do plan director das Torres de Altamira nunha sesión na que intervirá o arquitecto Mario Crecente. Será no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns ás 20:00 horas.

A festa histórica do val da Maía, que organizan os Concellos de Ames e Brión, xunto coa Deputación da Coruña, para conmemorar a histórica Batalla de Altamira, chega esta semana á súa segunda edición. Na xornada do sábado os participantes poderán gozar dunha ruta histórica, da representación teatral a cargo do grupo Os Quinquilláns e dos concertos de Caldo e de Grande Amore. Para participar nestas actividades é necesaria inscrición previa.

Os concellos da Ruta Rosaliana (Ames, Brión, Dodro, Padrón e Santiago de Compostela) organizan para o Día Internacional da Muller a andaina “Rosalías da Vida” que terá unha distancia de 20 quilómetros. A saída será dende Lestrobe, en Dodro, ás 9.00 horas, e rematará as 18.00 horas coa chegada ao acto institucional que se realizará na praza do Obradoiro, en Santiago de Compostela. Os/as participantes de Ames uniranse á andaina en Padrón, na praza de Rodríguez Cobián, ás 9.30 horas. Haberá dous puntos de avituallamento, en Padrón e no Milladoiro. O obxectivo é conmemorar o 8M tendo presente a Rosalía de Castro, unha muller que marcou un antes e un despois na nosa historia.

 O xoves 22 de febreiro desenvolverase unha nova edición das iniciativas “Caldo de Gloria” e “Café con verso” nos locais de hostalaría de Ames. Deste xeito, repartiranse nos locais de hostalaría unhas tarxetas con versos rosalianos para difundir a súa obra, pensamento e figura. A iniciativa Café con verso xurdiu no ano 2017 froito da colaboración entre o Concello de Ames e mailo poeta amesán Carlos Negro. Así mesmo, a hostalaría tamén servirá o caldo que a escritora describe no seu poema “Miña casiña, meu lar” de Follas Novas.