Solapas principales

A Deputación da Coruña convoca a primeira edición dos Premios de Turismo da provincia

Viernes, 18 de octubre de 2024

A Deputación da Coruña vén de convocar a primeira edición dos Premios de Turismo da provincia, que nacen co obxectivo de recoñecer o labor de persoas, empresas e entidades que desenvolvan a súa actividade nos concellos coruñeses e que contribúan ao desenvolvemento do turismo de calidade no territorio da provincia. O prazo para presentar candidaturas estará aberto ata o 28 de outubro, ás 14:00 horas. Os gañadores recibirán un galardón conmemorativo nunha gala organizada pola deputación o 8 de novembro no Hotel NH Finisterre.

O Boletín Oficial da Provincia publicou o pasado 11 de outubro as bases da primeira edición dos Premios de Turismo da Deputación da Coruña, que nacen para recoñecer o labor de persoas, empresas e entidades que desenvolvan a súa actividade na provincia e que destaquen pola súa traxectoria, innovación e sostibilidade ou por contribuír ao desenvolvemento diferenciador e de calidade do turismo no territorio coruñés.

Presentación de candidaturas
As candidaturas presentaranse de xeito telemático na sede electrónica da Deputación da Coruña, a través da plataforma de tramitación electrónica da Deputación (SUBTEL). O prazo rematará ás 14:00 horas do vindeiro 28 de outubro.

As bases dos premios poden consultarse ou descargarse premendo nesta ligazón.

Categorías
Dentro destes premios establécense cinco categorías:

  • Innovación e calidade turística: para persoas, empresas ou entidades que desenvolveran durante os últimos 10 anos (desde xaneiro de 2014) programas de innovación turística diferente, innovadora, de calidade e pioneiras na provincia.
  • Sostibilidade social aplicada ao turismo: para persoas, empresas ou entidades que desenvolveran durante os últimos 10 anos (desde xaneiro de 2014) accións de sostibilidade social, accións solidarias, de economía circular ou en dirección ao cumprimento dos ODS en programas ou iniciativas de promoción e desenvolvemento turístico.
  • Posta en valor da autenticidade do territorio: para persoas, empresas ou entidades que desenvolveran durante os últimos 10 anos (desde xaneiro de 2014) accións que puxeran en valor o arraigo e a singularidade do territorio, incluíndo accións de mellora da sostibilidade medioambiental.
  • Proxecto de turismo emerxente: para persoas ou empresas que, durante os últimos 3 anos (desde xaneiro de 2021), destacaran polos méritos obtidos e/ou polos resultados dun proxecto.
  • Toda unha vida dedicada ao turismo: recoñecemento á persoa, empresa ou entidade que destacase de maneira notoria pola súa traxectoria en calquera ámbito do turismo provincial.

O xurado tamén poderá recoñecer, a título individual, a aquelas persoas, empresas ou entidades (ata un máximo de dúas) que, aínda que non fosen propostas, levasen a cabo un labor no eido do turismo provincial que mereza ser destacado.

Os gañadores recibirán un galardón conmemorativo nunha gala nunha gala organizada pola Deputación que se celebrará o 8 de novembro no Hotel NH Finisterre.

Xurado
O xurado estará presidido polo vicepresidente e deputado de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, quen participará con voz pero sen voto, e formado por persoas técnicas de turismo e profesores do grao de turismo da Universidade da Coruña.

A Deputación da Coruña convoca a primeira edición dos Premios de Turismo da provincia

Multimedia

  • A Deputación da Coruña convoca a primeira edición dos Premios de Turismo da provincia