Solapas principales

A Maia xa ten a súa primeira Festa Histórica

Lunes, 14 de junio de 2021

“Altamira brilla”. Un libro sobre a batalla, o plan director que debuxa os plans de futuro para a fortaleza, unha ruta polos encraves máis importantes que abeiran ao suceso histórico, unha recreación teatral e un concerto son os elementos que conformaron a celebración de "Altamira brilla", a 1ª Festa Histórica de A Maía que se desenvolveu en Pontemaceira e nas Torres de Altamira a pasada fin de semana. A celebración pospuxérase en dúas ocasións, a primeira delas debido a cuestións meteorolóxicas, e a segunda a causa da COVID19. A festa nace con vocación de continuidade, coa esperanza de que en vindeiras edicións a participación sexa masiva e non estea limitada polas restricións de aforamento que marcan as normativa actual de loita contra a pandemia e coa intención de que se converta nun motor cultural e económico para a bisbarra da Maía.

A  Festa Histórica da Maía conmemora a batalla de Altamira, un acontecemento vinculado ás revoltas irmandiñas de 1471. Está promovida pola Deputación Provincial de A Coruña, propietaria das Torres de Altamira, e os concellos de Ames e Brión. A celebración, que se desenvolveu esta fin de semana en Pontemaceira e nas propias Torres, conmemorando o 550 aniversario, supón o primeiro paso na recuperación da memoria dun dos acontecementos máis importantes da Galicia do século XV e dun fito histórico que marcou o devir das terras da Maía.

Coa intervención do deputado provincial de Patrimonio, Xosé Luís Penas e dos alcaldes de Brión, Pablo Lago e de Ames, Blas García, que nas súas intervencións coincidiron en valorar o suceso como “unha oportunidade para construír presente e futuro a través da historia”, comezaron, na mañá do sábado os  actos de celebración da I Festa Histórica da Maía. Despois presentouse o libro “A Batalla de Altamira”, resultado dunha profunda investigación sobre o feito histórico e os restos da fortaleza de Altamira que realizaron as historiadoras Mercedes Vázquez e Pilar Rodríguez e ilustrou a deseñadora Mónica Fernández.

Canda o libro, presentáronse os avances do plan director das Torres, elaborado polo arquitecto Juan Mario Crecente e o arqueólogo Luis Francisco López, que confirma que a fortaleza actual está sobre outra anterior e apunta á existencia dunha terceira torre cara o sur, que tería sido derruída, así como outro camiño de acceso á fortaleza.

Andaina, recreación teatral e concerto

A xornada do sábado completouse cun andaina polos escenarios da batalla. Elixo Vieites e Xosé Trigo guiaron unha ruta de seis quilómetros na que participaron ao redor de 50 persoas se visitaron os lugares de A Ponte Maceira, Burgueiros, Trasmonte, Carballo, Portanxil, Leboráns e as Torres de Altamira.

A celebración continuou o domingo no mesmo escenario das Torres. O grupo de teatro “Os Quinquilláns”, especializado en recreacións históricas, puxo en escena  ao pé das torres, “A batalla de Altamira”. Após a representación servíronse unhas bebidas e uns petiscos. O concerto de Baiuca co que se pechaban os actos de conmemoración da I Festa Histórica de A Maia houbo de suspenderse, aos quince minutos de comezar, por mor da tormenta.

A festa nace con vocación de continuidade e encádrase dentro dun proxecto máis amplo de valorización e difusión destes escenarios e feitos históricos, patrimoniais e culturais0 de cara tamén a súa integración no mercado turístico.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Las torres de Altamira cobraron vida en la primera Festa Histórica de A Maía "

EL Correo Gallego: "Ames, Brión y Diputación irán de la mano para que Altamira Brilla nunca pare"

I Feira Histórica da Maía

Multimedia

  • I Feira Histórica da Maía
  • I Feira Histórica da Maía
  • I Feira Histórica da Maía
  • I Feira Histórica da Maía
  • I Feira Histórica da Maía
  • I Feira Histórica da Maía
  • I Feira Histórica da Maía
  • I Feira Histórica da Maía
  • I Feira Histórica da Maía
  • A Maia xa ten a súa primeira Festa Histórica