Seis das sete forzas políticas que concorren ás eleccións municipais do próximo 26 de maio daranse cita no debate electoral que Ames Radio organiza o próximo martes, 21 de maio, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. As cabezas de lista e candidatas a alcaldía de Ames, Ramón Argibay (PP), José Miñones (PSdeG), Quique Costas (Ames Novo), Genma Otero (Contigo Podemos), David Santomil (BNG) e José Ramón Oulego (Ciudadanos Partido de la Ciudadanía), confirmaron a súa presenza nun debate que será retransmitido por Ames Radio e tamén en streaming a través da canle de Youtube de Mediacebstream. O debate será moderado pola xornalista de Ames Radio, Nazaret López, e aberto ao público en xeral. A candidata de Compromiso por Galicia declinou a invitación a participar no mesmo por problemas de axenda.