Solapas principales

Ames Radio emitirá entrevistas con todos os gañadores da XV edición do Certame Literario

Sábado, 31 de octubre de 2020

Os 18 gañadores das distintas categorías de narrativa e poesía serán entrevistados a partir do luns, 2 de novembro de 2020, polo xornalista Juan Luis Silva na radio municipal do concello. As conversas poderán escoitarse no 107.2 da FM ou a través da páxina web municipal entre as 12:30 e as 13:30 horas na revista informativa “Somos Ames” . O espazo poderá escoitarse tamén na remisión do programa das 20:30 horas. Paralelamente, a canle de Facebook da radio municipal emitirá vídeos dos textos premiados lidos polos propios autores e autoras.

Estaba previsto que o venres, 30 de outubro, se realizase un sinxelo acto para entregar os premios aos gañadores do certame literario deste ano. O evento, que xa de por si ía ser máis curto que o doutros anos e ao que só ían acudir os premiados e premiadas acompañados dun único familiar por persoa para respectar as medidas de loita contra a pandemia, houbo de suspenderse ao entrar en vigor o peche perimetral para os concellos de Ames, Teo e Santiago. A presenza dos autores e autoras na radio municipal e na canle de facebook da emisora quere paliar en certa medida esta circunstancia.

65 traballos valorou o xurado, composto nesta ocasión polo profesor e escritor Paulo Calvo, o tradutor, profesor e lingüista Xosé Antón López Silva e a xornalista e escritora; Nazaret López. Os premiados foron os seguintes:

Modalidade de narrativa

Na modalidade de narrativa (categoría de ata 13 anos) a gañadora foi a moañesa, Cristina María Redondo Contreras, coa obra O derradeiro grito. A segunda clasificada foi Noa Moldes Domínguez, de Ames, coa peza Talasi, mentres que na terceira posición quedou Sara Constenla Martínez, tamén veciña do concello de Ames, co traballo Mulleres marabillosas.

Na segunda categoría (dos 14 aos 17 anos) a gañadora foi a negreiresa, Iria Sánchez del Río, coa obra Do meu compás. A segunda clasificada foi Alba Guzmán Falcón, do concello de Ourense, coa peza A princesa do tiráspol, e na terceira posición quedou Carlota Díez Herrera, de Santiago de Compostela, co traballo Un minuto de gloria.

Na terceira e última categoría (18 anos ou máis) a gañadora foi Carla López López, de Sarria, con Boas noites e boa sorte. A segunda posición foi para María Carmen Rey Núñez, do concello de Mazaricos, coa peza Manuela, a pelegrina, mentres que na terceira posición quedou Raquel Fernández Fernández, de Gondomar, co traballo Viño negro.

Modalidade de poesía

Na modalidade de poesía (categoría de ata 13 anos) o primeiro premio foi para o amesán, Diego Fungueiriño Pouso, coa obra A natureza. O segunda clasificada foi Mariña Souto Pazó, do concello de Brión, coa obra Soños, mentres que na terceira posición quedou Cristina María Redondo Contreras, de Moaña, co traballo Para sempre.

Na segunda categoría (dos 14 aos 17 anos) o primeiro premio foi para Iria Sánchez del Río, do concello de Negreira, coa obra Ule a fogar. O segundo premio recaeu en Nee Barros Fernández, de Marín, coa peza Resiliencia, e na terceira posición quedou Samuel da Silva Fernández, do Rosal, con Soños.

Por último, na categoría de 18 anos ou máis, o gañador foi Jorge Alonso García, de Vilagarcía de Arousa, coa obra Traen os amarres clandestinos dos que saíron sen tempo, a segunda clasificada foi Raquel Fernández Fernández, de Gondomar, coa peza Setembro, e na terceira posición quedou Manuel Xiráldez Leal, do concello de Brión, co traballo Ao raiar o día.

Todos os premiados e premiadas daranse a coñecer a partir do lusn na radio municipal e na canle de Facebook.

O Servizo de Normalización Lingüística organiza desde hai quince anos este certame de narrativa e poesía en lingua galega co obxectivo de promover a creación artística na nosa lingua. Outórganse dezaoito premios repartidos en tres categorías para as dúas modalidades (poesía e narrativa). Os traballos premiados recóllense nun libro antolóxico para cada edición, que se presenta no Día das Letras Galegas. Pode participar, de acordo coas bases, calquera persoa do mundo que presente a súa proposta inédita en galego.

Estudio de Ames Radio