Esta mañá o alcalde de Ames, Jose Miñones, e maila concelleira de Deportes, Susana Señorís, xunto co técnico municipal de Deportes e maila arquitecta municipal, visitaron o campo de fútbol de Bertamiráns para ver de primeira man como quedou esta instalación despois das obras realizadas. Alí estiveron co director de obra, Julio Calderón, de Calderón & Asociados; con representantes da empresa Prace Servicios Y Obras SA, adxudicataria do proxecto; co presidente, Rafael Budiño, e co secretario técnico de fútbol base do Bertamiráns FC, Sergio Penas. Este proxecto, no que se investiron 312.067 euros, foi posible grazas ás xestións que fixo o Goberno municipal coa Deputación da Coruña. A Deputación financiou o 80% do proxecto, mentres o Concello de Ames achegou o 20% restante.