Avisos
Martes, 16 septiembre, 2025
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Deportes, informa do resultado do sorteo das prazas das Escolas deportivas municipais para o curso 2025-2026. As persoas que realizaron a inscrición dispoñen dun número de rexistro xerado no momento da preinscrición, que é o número co que se identifica á persoa inscrita na listaxe xerada polo resultado do sorteo. As clases comezarán o mércores 1 de outubro de 2025 e rematarán o 13 de xuño de 2026. Unha vez publicada a listaxe de usuarios admitidos, as persoas que obtiveran praza deben solicitar a folla de autoliquidación nas oficinas de Recadación.
Viernes, 12 septiembre, 2025
O Concello de Ames informa sobre a prohibición de estacionamento no Milladoiro o luns, 15 de setembro, debido á realización da xornada de Volta ao Cole.
Viernes, 12 septiembre, 2025
Premendo na ligazón que está ao pé deste aviso pódese obter o menú das escolas infantís municipais de Ames. Este menú foi elaborado pola nutricionista municipal do Concello de Ames.
Viernes, 12 septiembre, 2025
Premendo nas ligazóns que están ao pé deste aviso pódense obter os menús da Rede de Comedores Escolares (almorzos, xantares e merendas). Estes menús foron elaborados pola nutricionista municipal do Concello de Ames.
Jueves, 11 septiembre, 2025
A Escola Municipal de Música de Ames dará comezo o vindeiro luns, 15 de setembro, as clases deste curso 2025-2026. Cómpre lembrar que, debido ás obras que se están a realizar no edificio da EMMA, a entrada debe facerse pola porta principal situada cara a Rúa da Ribeira.
Miércoles, 10 septiembre, 2025
O Concello de Ames informa que, debido á magnitude da avaría eléctrica detectada nos semáforos da N-550 á altura da rúa da Cruxa, vaise proceder á execución dunha nova canalización de cableado e da substitución da totalidade do mesmo. Recuperarase o normal funcionamento dos semáforos na maior brevidade posible.
Martes, 9 septiembre, 2025
O luns, 8 de setembro, abre o prazo de preinscrición na nova programación das Escolas deportivas do Concello de Ames para o curso 2025-2026. O prazo de preinscrición estará aberto ata o día 14 de setembro. A xestión realizarase de forma telemática a través da páxina web de Cronos. Para poder inscribirse é necesario darse de alta na plataforma Cronos seguindo as indicacións da propia plataforma. No caso dun/dunha menor, primeiro deberá de darse de alta o pai, nai ou titor como titular (tipo de rexistro) e despois darase de alta o/a menor como beneficiario/a (tipo de rexistro). Neste prazo de inscrición, cada persoa só poderá inscribirse nunha escola deportiva e non se permitirá a inscrición en máis dun grupo da mesma actividade. Nas actividades que haxa máis preinscricións que prazas ofertadas, realizarase un sorteo o 15 de setembro. Non se conceden as prazas por orde de inscrición. A listaxe de admitidos publicarase o 16 de setembro na web municipal.
Martes, 9 septiembre, 2025
Ames Radio pon un ano máis os seus micrófonos a disposición da cidadanía para a elaboración de programas de radio. Calquera persoa, asociación ou entidade pode presentar os seus proxectos desde hoxe e ata o día 21 de setembro enviando o impreso de solicitude ao correo electrónico radio@concellodeames.gal. Aceptaranse proxectos presentados por entidades, asociacións ou persoas non empadroadas no concello, sempre que as súas propostas resulten de interese para o municipio amesán ou estean protagonizadas por persoas residentes, nadas ou que traballen en Ames. Cada proxecto deberá ser presentado por unha persoa coordinadora que deberá ter un mínimo de 18 anos de idade. Pódense consultar todos os detalles nas bases que están ao pé deste aviso.
Martes, 9 septiembre, 2025
Desde o 2 de setembro ata o vindeiro día 10 está aberto o prazo de inscrición nos obradoiros de acollemento lingüístico “En galego, co teu acento!”, unha iniciativa que busca aproximar a veciñanza á lingua e á cultura galegas dun xeito práctico e progresivo, así como favorecer a cohesión social e a integración das persoas procedentes de fóra de Galicia. Bertamiráns e O Milladoiro acollerán cadanseu obradoiro, de case un mes de duración, con sesións de dúas horas e en horario de mañá, de luns a xoves. As inscricións, de balde, poden realizarse de xeito presencial acudindo ao Servizo de Normalización Lingüística, situado no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, ou á oficina do Servizo de Atención ás Persoas Migrantes (SAMI), situada na rúa de Abaixo, número 10, do Milladoiro. Tamén poderá formalizarse a inscrición chamando por teléfono aos números 662 377 215 / 981 535 941.
Martes, 9 septiembre, 2025
Ata o vindeiro día 9, estará aberto o prazo de inscrición extraordinario da Escola Municipal de Música de Ames, a EMMA, de cara ao curso 2025-2026. A inscrición poderase realizar a través da Sede electrónica do Concello de Ames, ou ben de xeito presencial nos rexistros municipais.
- ‹ anterior
- 36 de 179
- siguiente ›




