Solapas principales

Aberta a inscrición nos obradoiros de acollemento lingüístico "En galego, co teu acento!"

Martes, 9 septiembre, 2025
Desde o 2 de setembro ata o vindeiro día 10 está aberto o prazo de inscrición nos obradoiros de acollemento lingüístico “En galego, co teu acento!”, unha iniciativa que busca aproximar a veciñanza á lingua e á cultura galegas dun xeito práctico e progresivo, así como favorecer a cohesión social e a integración das persoas procedentes de fóra de Galicia. Bertamiráns e O Milladoiro acollerán cadanseu obradoiro, de case un mes de duración, con sesións de dúas horas e en horario de mañá, de luns a xoves. As inscricións, de balde, poden realizarse de xeito presencial acudindo ao Servizo de Normalización Lingüística, situado no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, ou á oficina do Servizo de Atención ás Persoas Migrantes (SAMI), situada na rúa de Abaixo, número 10, do Milladoiro. Tamén poderá formalizarse a inscrición chamando por teléfono aos números 662 377 215 / 981 535 941.

O obradoiro “En galego, co teu acento!” volve, un ano máis, para achegar a lingua e a cultura galegas a unha parte da veciñanza procedente de fóra de Galicia ou que, por diferentes motivos, non tivo oportunidade de coñecela. Coa colaboración das concellarías de Normalización Lingüística e Benestar Social, o curso está dirixido principalmente a persoas procedentes de fóra de Galicia, pero tamén a calquera outra persoa interesada na lingua e na cultura galega.

O curso, práctico e participativo, ten unha duración total de 30 horas e desenvolverase en horario de mañá, de luns a xoves, en sesións de dúas horas. Primeiro será a quenda de Bertamiráns, onde se desenvolverá o obradoiro dende o 15 de setembro ata o 8 de outubro, no Pazo da Peregrina, das 9:30 ás 11:30 horas. No Milladoiro comezará o 13 de outubro e rematará o 5 de novembro. Será na Casa da Cultura tamén en horario de 9:30 ás 11:30 horas. Todas as persoas participantes que asistan ao 90% das sesións recibirán un diploma acreditativo de asistencia. 

Como inscribirse?
As persoas interesadas en participar no obradoiro de lingua e cultura, “En galego, co teu acento!” poden inscribirse de balde na actividade desde o 2 de setembro ata o vindeiro día 10. As inscricións formalizaranse entre as 9.00 e as 14.00 horas no Servizo de Normalización Lingüística municipal, situado no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, ou na oficina do Servizo de Atención ás Persoas Migrantes situada nas Oficinas Xerais do Milladoiro (rúa de Abaixo, número 10). Quen non poida achegarse de xeito presencial, pode inscribirse chamando por teléfono aos números 662 377 215 / 981 535 941. As prazas son limitadas e adxudicaranse por orde de inscrición.

Multimedia