Actualidad
[09-05-2018] O Concello de Ames, a través das Concellarías de Medio Ambiente e Mocidade, fai públicas as listaxes provisionais de preinscritas/os nos campamentos municipais de verán. Na documentación tamén se pode consultar o sorteo das prazas daqueles campamentos, cuxa demanda superou o número de prazas dispoñibles. Cómpre lembrar que este ano ofértanse 445 prazas para 10 campamentos diferentes, que se desenvolverán entre o 28 de xuño e o 2 de setembro. Premendo nos enlaces que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter as listaxes completas.
[09-05-2018] Dende a Concellaría de Educación do Concello de Ames infórmase que as listas provisionais de alumnos/as admitidos/as e excluídos que solicitaron praza nas escolas infantís da Madalena (O Milladoiro) e do Bosque (Bertamiráns) están expostas nas propias escolas infantís, nas oficinas municipais de Bertamiráns e do Milladoiro e na Casa do Concello. As listas da escola municipal A Madalena estarán expostas nas oficinas municipais de Bertamiráns e do Milladoiro e na Casa do Concello a partir do venres 11 de maio.
[09-05-2018] Este martes, 8 de maio, o Salón de Plenos da Casa do Concello acolleu unha segunda xuntanza entre membros da Concellaría de Medio Ambiente e voluntarias e voluntarios da agrupación de Protección Civil de Ames. O obxectivo deste encontro foi proseguir coa coordinación dos traballos realizados de control e loita contra a avespa velutina, así como avaliar as actuacións levadas a cabo ata o momento. Durante a próxima semana, a agrupación de Protección Civil colocará unha vintena de trampas naqueles lugares do concello con menos presencia destas. Á xuntanza asistiron o concelleiro de Medio Ambiente, Javier García, e o concelleiro de Obras Públicas e Servizos Básicos e presidente da agrupación amesá de Protección Civil, Blas García; así como a técnica municipal de Medio Ambiente, Patricia Reboreda, e membros de Protección Civil de Ames encargados da xestión da vespa velutina.
[08-05-2018] Este mércores, 9 de maio, o local de JUPEMI no Milladoiro acollerá, ás 17:00 horas, unha nova charla do programa Falemos de Saúde. Nesta ocasión, a charla-obradoiro estará centrada na actividade física como estilo de vida. Impartida pola médica do centro de saúde Beiramar de Vigo, Susana Aldecoa, a charla abordará a relación entre o benestar físico e a práctica deportiva. Esta primeira conferencia inaugurará o ciclo de dez palestras que o Concello de Ames organiza en colaboración coa Asoaciación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria (AGEFEC), dentro do programa Falemos de Saúde.
[08-05-2018] A concienciación da cidadanía amesá co medio volveu quedar reflectida nas cifras de rexistro do centro de depósito de residuos Punto Limpo, situado no polígono do Milladoiro. Desta maneira, no mes de abril, os datos amosan un pequeno incremento das entradas con respecto aos meses anteriores, acadando as 509. As cifras poñen de manifesto, deste xeito, que a veciñanza do Concello continúa a empregar o Punto Limpo á hora de desfacerse daqueles obxectos e materiais que non van aos colectores convencionais de materiais orgánicos, inorgánicos, vidro ou papel.
[08-05-2018] Preto de 25 alumnas e alumnos de 1º de Bacharelato do IES de Ames están a realizar un mural sobre a fauna e a flora do Rego dos Pasos, dentro do proxecto educativo de interpretación ambiental deste espazo natural. O pintado do mural é a actividade final dunha serie de iniciativas realizadas con anterioridade e que incluíron unha visita ao Rego para recoller cores e tamaños, a elección das especies, o deseño do bocexo... Así mesmo, o alumnado de 1º de ESO do centro tamén participou neste proxecto co desenvolvemento de traballos de campo, coa identificación e catalogación da fauna e flora e coa posta en marcha dun estudo sobre o “estado de saúde” do rego. O proxecto está coordinado polas Concellarías de Mocidade e de Medio Ambiente do Concello de Ames, así como polas profesoras Renata Otero e Roberto Amarelle do IES de Bertamiráns.
[07-05-2018] O pasado sábado, 5 de maio, o Auditorio de Ferrol acolleu a fase final do Club de Debate 2018, na que participaron seis equipos finalistas procedentes de diferentes centros educativos de secundaria (CPI Eusebio Lorenzo Baleirón de Dodro, IES Xulián Magariños de Negreira, IES Luis Seoane de Pontevedra e IES de Ames). Do instituto de Bertamiráns participaron os equipos Abrapalabra e Apalabrando, gañadores da fase de zona de Ames que se celebrou no mes de marzo . O tema escollido para a final foi “As Tic favorecen o uso do galego”. Após a realización dos debates, o equipo Abrapalabra obtivo a primeira posición nas clasificacións, mentres que o Equipo 1 do IES Xulián Magariños de Negreira acadou o segundo posto e o grupo do CPI IES Eusebio Lorenzo Baleirón o terceiro. O premio da fase final consistirá nunha viaxe multiaventura dunha fin de semana para vinte persoas.
[07-05-2018] O pasado sábado, 5 de maio, preto dun cento de persoas de Ames, Brión, Padrón e Santiago visitaron os lugares emblemáticos da vida e do legado literario de Rosalía de Castro. A saída seguiu o itinerario deseñado polo intelectual Avelino Abuín de Tembra, recentemente recuperado polos catro Concellos dentro do proxecto común “As Pegadas de Rosalía”. Ao longo do desenvolvemento da actividade, as persoas asistentes visitaron lugares tais como o Panteón de Galegos Ilustres, a casa paterna na Tarroeira en Ortoño, a Igrexa de Bastavales ou a Casa Museo Rosalía de Castro en Padrón.
[07-05-2018] O Concello de Ames dá a coñecer hoxe, 7 de maio, o nome das obras premiadas na décimo quinta edición do Certame Literario de narrativa e poesía. O concurso reuniu un total de 166 traballos procedentes de toda Galicia e de varias localidades do resto de España. Na modalidade de poesía houbo 86 traballos, mentres que en narrativa presentáronse 80 obras. Este ano o xurado do certame estivo composto pola escritora e profesora María López Sández; polo actor, director e guionista, Daniel Vilaverde Framil; e polo profesor e crítico literario, Armando Requeixo. Os premios entregaranse o día 16 de maio nun acto que se desenvolverá na Casa da Cultura do Milladoiro.
[07-05-2018] Os rapaces e rapazas do club de piragüismo Ribeiras do Tambre seguen sumando medallas nos campionatos nos que participan. Esta pasada fin de semana (os días 5 e 6 de maio) participaron na II Copa de España de sprint olímpico que se disputou en Trasona (Asturias). Gabriel Martínez gañou a medalla de ouro en K-1 200 metros e, deste xeito, clasificouse para representar a España no mundial. Ademais, Ángel González e Gabriel Martínez, quedaron subcampións en K-2 200 metros.
- ‹ anterior
- 665 de 1382
- siguiente ›