Solapas principales

Cerca de 100 persoas dos concellos de Ames, Brión, Padrón e Santiago participaron na saída da ruta rosaliana deste sábado

Lunes, 07 de mayo de 2018

[07-05-2018] O pasado sábado, 5 de maio, preto dun cento de persoas de Ames, Brión, Padrón e Santiago visitaron os lugares emblemáticos da vida e do legado literario de Rosalía de Castro. A saída seguiu o itinerario deseñado polo intelectual Avelino Abuín de Tembra, recentemente recuperado polos catro Concellos dentro do proxecto común “As Pegadas de Rosalía”. Ao longo do desenvolvemento da actividade, as persoas asistentes visitaron lugares tais como o Panteón de Galegos Ilustres, a casa paterna na Tarroeira en Ortoño, a Igrexa de Bastavales ou a Casa Museo Rosalía de Castro en Padrón.



As
Pegadas de Rosalía

A nova ruta cultural denominada “As pegadas de Rosalía” é un proxecto común dos Concellos de Ames, Brión, Padrón e Santiago de Compostela, que recuperaron a ruta deseñada polo intelectual dodrense Avelino Abuín de Tembra. A iniciativa, cuxo obxectivo é achegar a vida de Rosalía a toda a poboación, está concibida para ser percorrido en coche ou en autobús, porén está previsto que o deseño de itinerarios para que o roteiro poida ser realizado en bicicleta ou a pé. A iniciativa “As Pegadas de Rosalía” foi presentada o pasado mes de xaneiro na Feira Internacional de Turismo (Fitur).

Os Concellos de Ames, Brión, Padrón e Santiago organizaron o pasado sábado, 5 de maio, unha visita guiada aos lugares máis emblemáticos do legado rosaliano, dentro do proxecto común “As Pegadas de Rosalía”. Nesta actividade, participaron preto dun cento de persoas procedentes dos catro concellos, que ao longo da xornada afondaron na vida e obra desta autora, referente indiscutible das letras galegas.

A ruta, caracterizada polo seu deseño circular, comezou no concello de Santiago, onde se visitou o Panteón de Galegos Ilustres. Neste lugar, onde se atopan os restos da autora, realizouse a primeira ofrenda floral do día, xa que ademais do centro de flores depositado aos pés da tumba de Rosalía, deixouse unha rosa en cada un dos lugares visitados. A ruta proseguiu no termo municipal compostelán cunha visita á Praza de Vigo, onde a autora residiu durante algún tempo.

A seguinte parada tivo lugar no concello de Ames, no lugar da Tarroeira, en Ortoño, onde se atopa a casa paterna de Rosalía e onde a autora pasou unha parte da súa primeira infancia. A seguinte visita recalou no concello de Brión, en concreto na Igrexa de Bastavales, cuxas campás protagonizaron un dos versos máis afamados da autora e que, ese día, soaron para as persoas participantes. 

Ao mediodía, as e os excursionistas tiveron un pequeno descanso para comer. Esta parada produciuse no concello de Padrón, onde se realizaron durante a tarde as visitas á estatua de Rosalía situada no Espolón, á Casa Museo e á Colexiada de Iria Flavia. A actividade finalizou cun concerto na propia Colexiata a cargo da cantante Anna Melikhova e coa lectura dalgúns poemas. As persoas asistentes gozaron do percorrido e mostraron satisfacción polo desenvolvemento do mesmo e polas explicacións facilitadas polos guías, así como polas actividades que complementaron o percorrido como foron a lectura de poemas, as visitas teatralizadas da man dunha actriz caracterizada como Rosalía e a visita guiada á Casa Museo realizada polo presidente da Fundación, Anxo Angueira.

As concelleiras de Turismo de Padrón, Lorena Couso, e Ames, Isabel González, acompañaron ás persoas participantes ao longo de todo o día. Estas tamén recibiron as visitas dos alcaldes de Ames, José Miñones, Brión, José Luís García, e Padrón, Antonio Fernández.



Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Cien personas disfrutaron de la ruta rosaliana por Santiago, Ames, Padrón y Brión"
Compostela 24 horas: "Cerca de un centenar de personas se empapan de Rosalía"