[07-05-2018] Os rapaces e rapazas do club de piragüismo Ribeiras do Tambre seguen sumando medallas nos campionatos nos que participan. Esta pasada fin de semana (os días 5 e 6 de maio) participaron na II Copa de España de sprint olímpico que se disputou en Trasona (Asturias). Gabriel Martínez gañou a medalla de ouro en K-1 200 metros e, deste xeito, clasificouse para representar a España no mundial. Ademais, Ángel González e Gabriel Martínez, quedaron subcampións en K-2 200 metros.
O pasado fin de semana (os días 5 e 6 de maio) disputouse a II Copa de España de sprint na localidade de Trasona, en Asturias. Alí, a representación amesá realizou unha excelente actuación conseguindo unha medalla de ouro e outra de prata. Gabriel Martínez Pachón gañou a proba, da categoría xuvenil, de K-1 200 metros, proclamándose campión de España. Gabriel xa gañou en 2017 a proba cadete K-1 1000 metros, proclamándose campión de España.
Deste xeito clasifícase para representar a España en K-1 200 e K-4 500 metros no mundial que se celebrará en Plovdiv, Bulgaria, do 26 ao 29 de xullo. Para compoñer as embarcacións do equipo que irá ao mundial farase unha concentración proximamente para probar combinacións de padexeiros. Os técnicos da federación española serán os encargados de elixir os padexeiros de cada unha das embarcacións que irán ao mundial .
Ademais, este mesmo padexeiro, Gabriel Martínez, acompañado de Ángel González Gómez, lograron a medalla de prata, na categoría xuvenil, de K-2 200 metros, acadando o subcampionato de España. Estes dous padexeiros lograron en 2017 a medalla de prata en cadete K-2 1000 metros, acadando tamén o subcampionato de España.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Dos medallas del Ribeiras do Tambre en la Copa de España"