[08-05-2018] Preto de 25 alumnas e alumnos de 1º de Bacharelato do IES de Ames están a realizar un mural sobre a fauna e a flora do Rego dos Pasos, dentro do proxecto educativo de interpretación ambiental deste espazo natural. O pintado do mural é a actividade final dunha serie de iniciativas realizadas con anterioridade e que incluíron unha visita ao Rego para recoller cores e tamaños, a elección das especies, o deseño do bocexo... Así mesmo, o alumnado de 1º de ESO do centro tamén participou neste proxecto co desenvolvemento de traballos de campo, coa identificación e catalogación da fauna e flora e coa posta en marcha dun estudo sobre o “estado de saúde” do rego. O proxecto está coordinado polas Concellarías de Mocidade e de Medio Ambiente do Concello de Ames, así como polas profesoras Renata Otero e Roberto Amarelle do IES de Bertamiráns.
O proxecto de interpretación ambiental do Rego dos Pasos é unha proposta conxunta das Concellarías de Mocidade e Medio Ambiente do Concello de Ames, posta en marcha en colaboración co profesorado do IES de Ames. O obxectivo desta iniciativa é involucrar desde diferentes ámbitos e materias ao alumnado do centro na realización de actividades de interpretación ambiental levadas a cabo dun xeito científico, lúdico e creativo, de maneira que as mozas e mozos poñan en valor os diferentes espazos naturais do seu concello. A iniciativa foi concibida após a inauguración dunha pequena senda pola marxe dereita do Rego dos Pasos, concretamente entre Bertamiráns e Pousada.
Conformado por tres bloques diferenciados, o proxecto está dirixido tanto ao alumnado da ESO como de Bacharelato do centro amesán. O primeiro bloque incluíu a realización de dúas actividades por parte dunha vintena de rapazas e rapaces de 1º da ESO: a identificación e catalogación da fauna e flora do Rego dos Pasos e o estudo do “estado de saúde” do entorno. Desta forma, acompañado polo profesor Roberto Amarelle, o alumnado analizou a calidade da auga, estudou a flora e a fauna e desenvolveu accións de restauración de ribeiras.
O segundo bloque é o que se está a desenvolver actualmente coa realización dun mural. Desta maneira, desde este luns e ata o vindeiro 21 de maio, 25 mozas e mozos de 1º de Bacharelato plasmarán con pintura as diferentes especies da fauna e da flora que habitan o Rego dos Pasos. A brigada de obras do Concello de Ames foi a encargada de realizar as actuacións de preparación do muro coa limpeza e o pintado do fondo con pintura plástica, seguindo o esquema deseñado previamente polo alumnado.
Asemade, con anterioridade, o alumnado tamén desenvolveu unha serie de accións encamiñadas a coñecer a fauna e a flora do entorno. Acompañadas da súa profesora de Expresión Plástica, Renata Otero, as alumnas e alumnos involucrados no proxecto fixeron unha visita conxunta ao rego para observar e recoller as cores, os tamaños e as posicións dos diferentes elementos naturais a plasmar no mural. Alén diso, o alumnado tamén elaborou diferentes bocexos ata obter a idea final, tanto no referido ao debuxo como á escolla das cores. O proxecto tamén abrangue a posta en marcha dun terceiro bloque de carácter audiovisual que, polo de agora, se atopa nunha primeira fase de deseño e preparación.
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "Jóvenes de Ames colaboran en la recuperación del Rego dos Pasos"
Compostela 24 horas: "Alumnos del IES de Ames participan en el proyecto de interpretación ambiental de Rego dos Pasos"