Actualidad
[12-05-2018] O Concello de Ames organizou unhas charlas informativas sobre a obriga de corta de arborado e traballos de desbroce que establece a Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, modificada segundo a Lei 7/2012, do 28 de xuño, de Montes de Galicia, e a última reforma de xaneiro de 2018 que afecta ás distancias que marca a lei 9/2017 de medidas fiscais e administrativas. A primeira charla impartirase o 15 de maio, nas instalacións da Aula da Natureza, situadas na parroquia da Ameixenda, mentres que a segunda charla será o mércores, 16 de maio, no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. Ambas realizaranse ás 20:00 horas.
[11-05-2018] Esta mañá o salón de plenos da Casa do Concello acolleu a presentación da quinta edición do campus de fútbol da Fundación Celta de Vigo, que se desenvolverá nas instalacións do campo municipal de fútbol do Milladoiro entre o 25 e o 29 de xuño. Á presentación acudiron o alcalde de Ames e concelleiro de Deportes, José Miñones, o presidente do Milladoiro SD, Vicente “Checho” González, e mailo responsable dos campus do Celta de Vigo, Alex Abalde. As principais novidades deste ano do campus estarán incluídas na parte organizativa do propio campus. Ademais, repetirase a visita ás instalacións do Estadio de fútbol de Balaidos, que se realizou por primeira vez en 2017. Está aberto o prazo de inscrición para participar neste campus. Para elo hai que acceder á páxina web www.fundacioncelta.com.
[11-05-2018] A ruta do Rego da Andoriña é o recorrido escollido para a realización da andaina solidaria, organizada polo asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS), para este domingo 13 de maio. A camiñada terá un prezo simbólico: 5 euros para as persoas e 1 euros para os cans. O diñeiro recadado irá destinado ao pagamento dos billetes das nenas e nenos saharauís que cada verán veñen a Galicia, a través do programa Vacacións en Paz. Para asistir ou para obter máis información, pódese chamar ao número de teléfono 646 320 660 ou enviar un correo electrónico ao enderezo eybarra.sogaps@gmail.com. A andaina partirá ás 10:30 horas da praia fluvial de Tapia. A actividade conta coa colaboración do Concello de Ames.
[11-05-2018] O Concello de Ames e maila organización Acción contra a Fame están impartindo unha serie de talleres formativos e conferencias que se enmarcan dentro do programa Vives Emprende, que asesora, forma e facilita o acceso a financiamento a persoas desempregadas ou con emprego precario que desexen emprender, especialmente a mulleres. Deste xeito, o vindeiro martes, 15 de maio, vaise impartir, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro, unha conferencia informativa sobre o novo regulamento europeo de protección de datos, que está dirixida a empresarios e autónomos. Ademais, o mércores 16 de maio impártese un taller formativo sobre o plan de marketing e comercialización.
[10-05-2018] A aprobación do Regulamento de Participación Cidadá do Concello de Ames foi un dos compromisos adoptados pola Alcaldía no acordo de investidura aprobado en xuño de 2015. Actualmente, e despois de varios meses de traballo, o Regulamento vén de ser entregado aos grupos da municipais da oposición, para que estes poidan facer as súas propias achegas ata o 24 de maio. O novo Regulamento, que será levado a pleno no mes de xuño, busca aumentar a participación democrática e cívica da cidadanía na toma de decisións e na xestión do Concello, tornándoo, desta maneira, aberto e transparente para as veciñas e veciños de Ames.
[10-05-2018] O Concello de Ames fai público o título e autor/a das obras premiadas no XV Certame Literario de narrativa e poesía, así como no X Certame Artístico Literario Intercentros. Os premios entregaranse o 16 de maio nun acto na Casa da Cultura do Milladoiro. Premendo nos enlaces que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás consultar a listaxe completa de gañadoras e gañadores de ambos os certames.
[10-05-2018] O Concello de Ames fixo público este xoves, 10 de maio, o nome das obras premiadas na décima edición do Certame Artístico-Literario Intercentros, dirixido ao alumnado amesán, e que contou con 74 traballos presentados. Este ano o xurado do certame estivo composto por Elba Baldomir Turnes e Rosa Moreiras Cuñarro, persoal do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames, así como por Isabel Vaquero Quintela, concelleira de Comunicación e Normalización Lingüística. Os premios entregaranse o día 16 de maio nun acto que se desenvolverá na Casa da Cultura do Milladoiro.
[09-05-2018] A Concellaría de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade dá conta da comunicación emitida polo Instituto Galego de Estadística na que se informa de que durante as vindeiras semanas se vai a realizar unha operación estadística denominada "Enquisa estrutural de Fogares". Está campaña está dirixida a 9.216 vivendas repartidas por todo o territorio galego, entre as que figuran vivendas do concello de Ames. As visitas realizaranse entre o 14 de maio e o 1 de xullo por un entrevistador/a debidamente acreditado para cubrir o cuestionario estadístico. As vivendas seleccionadas recibirán unha carta informándolles previamente da obriga de facilitar ditos datos.
[09-05-2018] Este sábado, 12 de maio, o centro comercial Novo Milladoiro acollerá un concurso de cociña sen glute, a partir das 11:00 horas. Dirixido a crianzas entre os 5 e os 14 anos, o concurso avaliará a realización de receitas sinxelas sen uso de lume. A competición incluirá probas individuais e grupais, así como a elaboración dun entrante, dun prato principal e de dúas sobremesas. Para participar será preciso inscribirse a través dos números de teléfono 981 104 467 e 679 461 003 ou do enderezo de correo electrónico info@celiacosgalicia.es. O concurso está organizado pola Asociación de Celíacos de Galicia en colaboración con Mercadona. As crianzas gañadoras recibirán un lote de produtos deste supermercado.
[09-05-2018] O Concello de Ames, a través das Concellarías de Medio Ambiente e Mocidade, fai públicas as listaxes provisionais de preinscritas/os nos campamentos municipais de verán. Na documentación tamén se pode consultar o sorteo das prazas daqueles campamentos, cuxa demanda superou o número de prazas dispoñibles. Cómpre lembrar que este ano ofértanse 445 prazas para 10 campamentos diferentes, que se desenvolverán entre o 28 de xuño e o 2 de setembro. Premendo nos enlaces que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter as listaxes completas.
- ‹ anterior
- 664 de 1382
- siguiente ›