Actualidad

A Casa do Concello, en Bertamiráns, acolleu esta mañá a presentación da VI edición do Trail e Andaina Ribeiras do Tambre, que este ano se celebrará o vindeiro 23 de febreiro. A proba, organizada polo Concello e a Federación Galega de Atletismo, como vén sendo habitual, ten como punto de partida Ponte Maceira. As inscricións poden facerse a través da páxina web de carreiras galegas e estarán abertas ata o vindeiro 19 de febreiro. Desde a organización, agardan superar as cifras de participación do ano pasado de 522 persoas.Pódese consultar as bases e regulamento da proba na seguinte ligazón.

Un equipo da Policía Nacional vaise desprazar a Ames co obxectivo de facilitar a renovación ou expedición do Documento Nacional de Identidade electrónico (DNIe) á veciñanza. Así, estará o vindeiro día 21 de febreiro no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, de 9:00 a 12:30 horas, con 75 citas dispoñibles. Quedan prazas dispoñibles polo que as persoas interesadas en empregar este servizo deben escribir ao enderezo electrónico gabinete@ames.gal ou chamar ao número 881 074 730 para engadir nome, apelidos e un teléfono de contacto.

A Xunta de Goberno Local aprobou o pasado 26 de decembro a adxudicación do contrato das obras de pavimentación de viarios no núcleo de Seares de Abaixo, na parroquia de Ames, por 132.348,43 euros (IVE incluído), á empresa SYR-AMG SL. Este proxecto, que se sufraga con cargo ao POS+ 2024, enmárcanse dentro do plan de arranxo dos interiores de núcleos do rural. Estas obras xa están executándose na actualidade.

As actividades do programa Apego continúan neste mes de febreiro, desta volta co concerto didáctico “Rosalía Cantareira” de Jara Ortiz, que terá lugar o vindeiro venres 14 de febreiro ás 18.00 horas na Casa da Cultura do Milladoiro. O prazo de inscrición para participar nesta actividade está aberto dende hoxe, 6 de febreiro, ata o xoves 13. Para inscribirse é preciso enviar un correo electrónico ao enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal indicando o nome e apelidos das persoas asistentes, a idade das crianzas e un número de teléfono de contacto.

O Concello de Ames, a través do departamento de Cultura, organiza “Malabareando”, un obradoiro de malabares dirixido para os nenos e nenas a partir dos 6 anos e que se realizará o vindeiro xoves 13 de febreiro, ás 18.00 horas, no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. As crianzas deberán de estar acompañadas dun adulto. Hai 16 prazas dispoñibles, sen contar ás persoas maiores de idade, e os interesados en participar poden inscribirse enviando un correo a cultura@concellodeames.gal.

O alcalde, Blas García, e o concelleiro de Obras e Servizos Básicos veñen de manter unha xuntanza co director de Augas de Galicia, Roi Fernández Añón, para seguir avanzando nos compromisos adquiridos por parte da Xunta de Galicia na reunión mantida o pasado mes de setembro entre o rexedor e o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda. O tema a tratar foi a ampliación da EDAR de Sisalde.

A Aula Municipal Tecnolóxica da Información e da Comunicación do Milladoiro (AMTIC) organiza para o vindeiro mércores, 12 de febreiro, unha conferencia sobre ciberseguridade. A actividade desenvolverase en horario de 18.30 a 19.30 horas no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. Impartiranse nocións para coñecer as posibles ameazas e perigos da internet na actualidade, así como ferramentas e consellos para protexernos. A entrada é aberta a todas as persoas que queiran acudir. Previamente, ás 18.00 horas, realizarase a clausura e entrega de diplomas dos cursos de alfabetización dixital nas parroquias, que comenzaron no pasado mes de outubro. Estes cursos foron impartidos en Covas, Augapesada, Tapia e Ortoño, e neles participaron 25 persoas.

O Concello de Ames, a través do departamento de Cultura, continúa coa súa programación de artes escénicas do primeiro semestre do ano. Desta volta, o auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acollerá o vindeiro venres 7 de febreiro, ás 20.30 horas, a obra de teatro “Cortello de Amor”, da compañía Amorodio Teatro. Ata o momento, a ocupación para este espectáculo é do 80% das butacas dispoñibles. As últimas entradas pódense adquirir na Billeteira electrónica. Esta programación forma parte do convenio de colaboración entre a Axencia Galega das industrias Culturais (AGADIC) e o Concello de Ames.

O Pleno aprobou por unanimidade este martes, 4 de febreiro, a participación do Concello de Ames no Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (Plan único de concello) “POS+ 2025” da Deputación provincial da Coruña. O Concello de Ames vai destinar 444.207,42 euros, para o financiamento de gasto corrente; e 1.073.870,30 euros para sufragar seis obras. Tamén se aprobou por unanimidade a participación no POS+ Adicional 3/2025 para a redución da débeda coa Deputación, por importe de 271.894,53 euros, pola utilización do préstamo provincial nos Plans 2015 a 2023; e o recoñecemento extraxudicial de crédito 1/2025 por importe de 124.162,38 euros. Podes ver a gravación do pleno na canle de Youtube do Concello de Ames.

Arredor de 50 rapaces e rapazas de segundo curso de educación primaria do CEIP da Maía, achegáronse á Casa do Concello para coñecer de primeira man o traballo que se realiza neste lugar. Así, acompañados de varios membros do Goberno local e dos grupos municipais do Partido Popular e do BNG, os nenos e nenas aprenderon que é un pleno municipal, o traballo que realizan os/as edís municipais e as funcións que cumpre a Administración local. Ademais, a rapazada puido trasladar varias peticións aos membros do Goberno municipal para a mellora das instalacións do colexio.
- ‹ anterior
- 121 de 685
- siguiente ›




