Actualidad

O salón de Plenos da Casa do Concello acolleu está mañá a presentación da programación de actividades con motivo do Día de Rosalía, que se conmemora cada ano o 23 de febreiro. As actividades, que se desenvolverán entre os meses de febreiro e marzo, buscan, entre outras cuestións, revitalizar o pensamento, figura e obra de Rosalía de Castro, así como poñer en valor o vínculo da escritora con Ames. Ademais, búscase achegar á veciñanza, sobre todo entre a mocidade, a figura, obra e legado da escritora en Ames. Pódese descargar a programación completa desta edición na seguinte ligazón.

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar a licitación das obras de mellora da seguridade viaria en Covas, por 128.415,69 euros. Este proxecto, que se sufraga con cargo ao POS+ Adicional 2/2024, enmárcanse dentro do plan de arranxo dos interiores de núcleos do rural. Deste xeito, con cargo á primeira fase do POS+ Adicional (proxectos xa incluídos no POS complementario) vanse executar catro obras: a pavimentación de viarios no Castro de Ortoño; a senda dende A Ponte Maceira a Carballo, na parroquia de Trasmonte; a mellora da seguridade viaria en Covas; e a pavimentación de viarios en Biduído de Arriba. Estas catro obras suman un importe de 731.866,86 euros.

A Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu este pasado mércores pola tarde o acto de entrega de diplomas dos cursos de alfabetización dixital nas parroquias, que comenzaron no pasado mes de outubro. Estes cursos foron impartidos en Covas, Augapesada, Tapia e Ortoño, e neles participaron 25 persoas. A continuación, ás 18.30 horas, impartiuse unha conferencia sobre ciberseguridade, na que se abordaron as posibles ameazas e perigos da internet na actualidade. Tamén se falou sobre diversas ferramentas e consellos para protexernos.

O Concello de Ames recibe unha axuda de 8.941,96 euros para a contratación de socorristas para as piscinas descubertas municipais de Bertamiráns e O Milladoiro e para a praia fluvial de Tapia para o ano 2025.

Os Concellos de Ames e Brión están a desenvolver a sétima edición do obradoiro dual de emprego Renova, no que participan 20 alumnos/as traballadores/as (15 de Ames e 5 de Brión). Nesta edición impártense 9 meses de formación sobre o certificado de profesionalidade oficial de montaxe e mantemento de instalacións solares fotovoltaicas. Ademais, impártense un módulo de instalacións eléctricas en edificios de vivendas e actividades complementarias de informática, prevención de riscos laborais e orientación laboral. Dita formación compleméntase con formación homologada de Prevención de Riscos Laborais; manexo de carretillas elevadoras; operador/a de plataformas elevadoras móbiles de persoal; e prevención de riscos laborais en alturas; como complemento á formación no certificado de profesionalidade.

A Casa do Concello acolleu este martes, 11 de febreiro, o acto de entrega de premios ás persoas gañadoras do XIX concurso de escaparates de Nadal e do III concurso de decoración de Nadal veciñal. O alcalde de Ames, Blas García, e a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, xunto cos membros do xurado, Lucía Rodríguez e Félix Caramés, foron os encargados de repartir os galardóns. En total repartíronse 6.000 euros entre os gañadores/as. No concurso de escaparates repartíronse catro premios dotados cun total de 4.000 euros (1.500 euros para o primeiro, 1.100 para o segundo, 800 para o terceiro e 600 para o cuarto), mentres que no concurso de decoración veciñal repartíronse outros catro premios de 500 euros cada un.

O prazo de matrícula na Escola integral de maiores de Bertamiráns, coordinada pola OVA e dependente da Concellaría de Benestar Social, xa está aberto. As persoas maiores de 60 anos que queiran participar desta actividade deberán inscribirse chamando ao teléfono 662 377 044, a través do correo enviar un correo ao enderezo voluntariado@concellodeames.gal ou acudir á Oficina de Voluntariado, na Casa da Cultura de Bertamiráns, de 10:00 a 13:00 horas. Nestas clases o alumnado adquirirá e repasará coñecementos como a lectura, a escritura ou as contas matemáticas básicas dun xeito dinámico. As clases comezarán no vindeiro 17 de febreiro e rematarán a finais de xuño.

No pasado mes de xaneiro realizáronse dúas sesións de formación para a dinamización da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero baixo a coordinación da Consellería de Política Social e Igualdade. Desta maneira, prosegue o funcionamento deste grupo de traballo que se creou no ano 2016 e no que están representados todos os ámbitos implicados directa ou indirectamente na loita contra a violencia de xénero.

A unidade móbil de doazón de sangue estará este mércores, 12 de febreiro, en Bertamiráns, na praza de Chavián (xunto á zona de carga e descarga da avenida da Maía). O horario de atención será de 15:30 a 21:00 horas. Na situación actual, a unidade traballa cun protocolo que garante a seguridade do persoal sanitario e das persoas doantes. Ademais, disponse dun teléfono gratuíto para consultar as dúbidas sobre a doazón, o número 900 100 828.

Esta pasada fin de semana celebrouse en Chantada o Campionato Galego de Clubs de Karate, onde a Escola de Karate Dokkodo se proclamou campioa na categoría cadete-junior da modalidade de kumite. Ademais, o club tamén acadou un bronce na categoría alevín de kumite.
- ‹ anterior
- 120 de 685
- siguiente ›




