Actualidad

O pasado sábado, día 10 de maio, a localidade de Cedeira acolleu a segunda xornada da Liga Galega de Karate, unha cita na que a Escola de Karate Dokkodo conseguiu un total de oito metais e catro diplomas, quedando entre os 11 mellores clubs no medalleiro.

O IES do Milladoiro acollerá ao longo da vindeira semana a “I Semana Intercultural", unha iniciativa que, baixo o lema “Somos Diferentes, Somos Referentes”, pretende crear no centro educativo nun espazo de encontro e celebración arredor da diversidade cultural e convivencia. Deste xeito, ao longo da vindeira semana, do 19 ao 23 de maio, o IES do Milladoiro ofrecerá unha ampla e intensa programación cultural e educativa, que contará coa participación de artistas, profesionais, asociacións e outros centros educativos.

O Squash Santiago, Golán Squash Academy e 2Más Academia de Tenis e Pádel organizan o venres, 23 de maio, o torneo benéfico Raquetas en Acción, que se realiza en favor da investigación da heteroplastia ósea progresiva. Dito torneo realizarase no club de tenis – pádel Squash Santiago, situado no Milladoiro, a partir das 17.00 horas. As inscrición pódense realizar nas instalacións do Squash Santiago. Os participantes poderán elixir entre as modalidade de pádel, squash e tenis. A partir das 21.00h haberá unha charla sobre dita enfermidade e un cóctel solidario. Tamén haberá animación infantil: inchables, bocadillos, música e máis sorpresas. Todo o diñeiro que se recade irá para a Asociación Galega de Heteroplasia Ósea Progresiva.

A área deportiva de Bertamiráns acolle hoxe unha exhibición de medios da Garda Civil. Pola mañá, de 10.00 a 14.00 horas, a exhibición estivo dirixida ao alumnado dos centros educativos de Ames e da contorna, mentres que pola tarde, de 16.00 a 18.00 horas, o acceso é libre para a veciñanza que queira acudir. A través desta actividade o servizo da Garda Civil ofrece unha exhibición dos seus servizos. Ao mesmo tempo faise unha recollida de alimentos non perecedoiros. Anímase a veciñanza a colaborar nesta iniciativa solidaria. Todos os produtos que se recollan serán doados a Cáritas Milladoiro e Cáritas San Xoan de Ortoño.

O auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, acollerá este luns, 19 de maio, ás 11.30 horas, a entrega de premios da oitava edición do certame Enreguéifate, unha cita na que o IES do Milladoiro, xunto co CEE Manuel Navalón, recibirá o seu galardón á regueifa máis inclusiva. O vídeo premiado denomínase Radio Regueifa Inclusiva “Somos diferentes, somos referentes” e nel o alumnado de ambos os dous centros regueifa conxuntamente e a través das ondas para demandar inclusión, diversidade, respecto e non discriminación.

A Asociación Veciñal de Bugallido, en colaboración co Centro Cultural Mahía e a Sociedade Agraria de Bugallido, Ortoño e Biduído, organiza esta fin de semana a segunda edición da Carballeira das Letras, unha iniciativa motivada polo Día das Letras Galegas, que este ano homenaxea ás cantareiras e a recollida popular. Deste xeito, os días 16 e 17, Bugallido acollerá diversas actividades relacionadas con esta conmemoración, coma faladoiros, obradoiros e concertos. Ademais, a parroquia amesá celebrará este domingo as súa tradicional romaría de San Isidro, unha xornada para gozar de música e boa gastronomía.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Urbanismo e Administración Xeral, vén de presentar a campaña Terrazas de Ames. Trátase da implantación dun cartel obrigatorio para as terrazas dos bares e restaurantes. Este cartel, que deberá estar visible ao público, contén información clara e concisa sobre a capacidade, os metros cadrados ocupados, e o número da licenza municipal correspondente. Con esta iniciativa búscanse tres obxectivos fundamentais: facilitar as tarefas de inspección, garantir a igualdade de condicións entre todos os hostaleiros, e fomentar o civismo e a responsabilidade compartida. Dende o luns 19 de maio vanse a repartir os carteis entre os establecementos hostaleiros con licencia de terraza. Posteriormente, dende o 26 de maio farase unha inspección para revisar que as terrazas estean dentro da normativa municipal e dispoñan de autorización. As terrazas que non cumpran a normativa terán ata o 26 de maio para iniciar o trámite.

A Casa da Cultura do Milladoiro acolle o vindeiro martes, 20 de maio, de 10:00 a 13:30 horas, a charla informativa para persoas migrantes sobre o novo regulamento de estranxeiría. O xefe da Oficina de Estranxeiría da Coruña, Julio Simón, impartirá unha charla informativa; ofrecerase asesoramento en trámites e xestións habituais na Administración electrónica; e abordarase a tramitación de certificado dixital ou cl@ve permanente con informáticos da Subdelegación do Goberno. Esta actividade está financiada polo Ministerio de Política Territorial do Goberno de España. Para participar nesta actividade ofértanse 50 prazas (25 para persoal técnico e 25 para público en xeral). Hai que enviar un correo electrónico a servizos_sociaismilla@concellodeames.gal. A data límite para inscribirse é o venres 16 de maio.

A programación do Ames Cultural 2025 deste primeiro semestre do ano remata este venres, como preludio ao Día das Letras Galegas, coa representación de “Mulleres que viven soas #MQVS”, de Berrobambán. O espectáculo terá lugar no auditorio de Bertamiráns, ás 20.30 horas. As portas abriranse ás 20.15 horas e prégase puntualidade a todas as persoas asistentes. Esta programación forma parte do convenio de colaboración entre a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e o Concello de Ames.

O Concello de Ames colabora na organización da terceira edición da cea solidaria Obra Social Pediatría & Concello de Ames, un evento que este ano terá lugar o vindeiro 27 de xuño, ás 20.30 horas, no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. A finalidade desta cea é recadar fondos para contribuír, por unha parte, á investigación sanitaria e ao incremento e mellora da calidade asistencial dos pacientes pediátricos do CHUS. O evento está organizado pola Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA), Obra Social Pediatría e Albarín Catering e eventos. Podes acceder nesta ligazón ao formulario para mercar as entradas e á información da Fila Cero por se queres realizar un donativo. Para obter máis información tamén se pode chamar ao 641 11 60 05. As entradas poderán recollerse a partir da semana que vén nos puntos de venta autorizados.
- ‹ anterior
- 109 de 695
- siguiente ›




