- Tematica
A programación do Ames Cultural 2025 deste primeiro semestre do ano remata este venres, como preludio ao Día das Letras Galegas, coa representación de “Mulleres que viven soas #MQVS”, de Berrobambán. O espectáculo terá lugar no auditorio de Bertamiráns, ás 20.30 horas. As portas abriranse ás 20.15 horas e prégase puntualidade a todas as persoas asistentes. Esta programación forma parte do convenio de colaboración entre a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e o Concello de Ames.
Este venres, ás 20.30 horas, o auditorio de Bertamiráns acollerá a última obra incluída no Ames Cultural 2025 deste primeiro semestre do ano. Deste xeito, coa representación de “Mulleres que viven soas #MQVS”, de Berrobambán, poñerase fin a unha programación de artes escénicas que ofreceu un total de 13 obras de teatro, danza e circo, dirixidas tanto a público adulto como infantil, ao longo destes meses.
Sobre “Mulleres que viven soas #MQVS”
Nesta peza, protagonizada polas tres bruxas que profetizan o ascenso de Macbeth ao trono na peza de Shakespeare, a través das protagonistas faise un paralelismo da diferenza de como nos percibe o resto da xente e como nos sentimos nós dentro das nosas casas.
A obra é un híbrido entre o teatro documental, a comedia stand up e o teatro isabelino. Esta idea vén nada dunha sesión especial que realizou Paula Carballeira no Maratón de Cuentos de Guadalajara en 2019, unha edición na que a temática eran as bruxas. A narradora galega, a raíz desa experiencia, decidiu darlle voz ás historias de dez mulleres que viven soas e recoller as súas experiencias vitais. Deste xeito, mestúranse as testemuñas reais destas mulleres con historias que inclúen tamén a súa parte de ficción.
Sobre Berrobambán
A compañía Berrobambán conta con máis de dúas décadas de experiencia sobre os escenarios de todo o mundo, creando e representando obras dirixidas para todo tipo de público. Ademais de apostar por un teatro que fomente valores como a igualdade ou o compromiso, o grupo leva dende hai uns anos desenvolvendo unha serie de proxectos dentro do eido social e educativo.
Deste xeito, o grupo leva ao longo de todos estes anos representando as súas obras en escenarios de países como Canadá, Corea, Portugal ou Colombia. Por outra banda, a compañía renovou o seu modelo de creación hai un tempo, apostando por unha nova forma de xestionar, producir, distribuír e exhibir as súas pezas. Por exemplo, dentra nova concepción artística, entran en xogo factores como descentralizar as programacións culturais, traballar en novos contidos dixitais no eido cultural ou un forte compromiso coa transición ecolóxica.
Novas relacionadas:
Diario de Santiago: "Este venres péchase o Ames Cultural do primeiro semestre do ano coa representación de “Mulleres que viven soas #MQVS” en Bertamiráns"
AMSGO!: "“Mulleres que viven soas #MQVS” pecha o primeiro semestre do Ames Cultural 2025"