- Tematica
A área deportiva de Bertamiráns acolle hoxe unha exhibición de medios da Garda Civil. Pola mañá, de 10.00 a 14.00 horas, a exhibición estivo dirixida ao alumnado dos centros educativos de Ames e da contorna, mentres que pola tarde, de 16.00 a 18.00 horas, o acceso é libre para a veciñanza que queira acudir. A través desta actividade o servizo da Garda Civil ofrece unha exhibición dos seus servizos. Ao mesmo tempo faise unha recollida de alimentos non perecedoiros. Anímase a veciñanza a colaborar nesta iniciativa solidaria. Todos os produtos que se recollan serán doados a Cáritas Milladoiro e Cáritas San Xoan de Ortoño.
O alumnado dos centros de ensino de Ames e da contorna pasaron hoxe unha mañá diferente. Os nenos e nenas acudiron este mércores pola mañá a área deportiva de Bertamiráns para participar na exhibición solidaria de medios da Garda Civil, que se enmarca no Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e as súas Contornas.
A exposición tivo un horario de mañá para docentes e alumnado, de 10:00 a 14:00 horas, e tamén se desenvolverá en horario de tarde, para o público en xeral, de 16:00 a 18:00 horas. Ao mesmo tempo faise unha recollida de alimentos non perecedoiros. Anímase a veciñanza a colaborar nesta iniciativa solidaria. Todos os produtos que se recollan serán doados a Cáritas Milladoiro e Cáritas San Xoan de Ortoño.
Tamén acudiron a dita exhibición o alcalde, Blas García; a concelleira de Deportes, Susana Señorís; a concelleira de Planificación e Xestión Educativa, Carmen Porto; o concelleiro de Administración Xeral, Víctor Fernández; a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz; o concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto; e o concelleiro de Xestión do Medio Natural, Javier Antelo.
Visita aos postos da Garda Civil e exhibición
Dita actividade estivo dividida en dúas partes: na primeira o alumnado visitou os diferentes postos da Garda Civil, onde os/as axentes lles explicaron o traballo que realizan e deixáronlles aos nenos e nenas empregar o equipamento das diferentes unidades ou grupos da Garda Civil (elementos de defensa, equipos de vixilancia e outros dispositivos como cascos, chalecos, escudos, etc). Na segunda parte da actividade realizouse unha exhibición sobre como traballan diferentes unidades da garda Civil.
Deste xeito, o servizo cinolóxico realizou diferentes simulacións con cans para buscar persoas vivas desaparecidas. Estes cans empréganse para buscar alixos de droga ou para buscar persoas desaparecidas ou que se atopan vivas nunha situación de emerxencia ou desastre natural. Por outra banda, o Grupo Especialista Desactivación de Explosivos (GEDEX) realizou unha intervención cun robot para simular a desactivación dunha mochila bomba. Por último, a Unidade de Seguridade Cidadá (USECIC) participou nunha simulación dunha persoa violenta que estaba alterando a convivencia cidadá.
Ademais, acudiu o servizo aéreo (UHEL) da Garda Civil cun helicóptero, que foi un dos servizos que máis chamaron a atención da rapazada. Algúns dos nenos e nenas puideron subir no helicóptero e sentarse nos seus asentos.
Unidades grupos da Garda Civil que participan na exhibición
As unidades/grupos da Garda Civil que participan en dita exhibición son o servizo aéreo (UHEL); o grupo especialista en actividades subacuáticas (GEAS); o equipo de Rescate e Intervención en Montaña (EREIM) de Trives; e o servizo cinolóxico SYR para a busca de persoas vivas; o Grupo Especialista Desactivación de Explosivos (GEDEX); e a Unidade de Seguridade Cidadá (USECIC).
Tamén se contou coa Unidade Orgánica de Policía Xudicial - Laboratorio (UOPJ); o servizo cinolóxico para a busca de drogas e explosivos; e o Servizo de Protección da Natureza (SEPRONA); a Patrulla de Fiscal e de Fronteiras (PAFIF); o Equipo Pegaso (Policía Especialista en Xestión Aeronáutica e de Seguridade Operacional); o Subsector de Tráfico; e o equipo de Seguridade Cidadá con persoal.