Actualidad

No marco do Día de Rosalía de Castro, o Concello de Ames, mediante o departamento de Normalización Lingüística, organizou o pasado sábado, 21 de febreiro, a xa habitual excursión literaria “Viaxando con Rosalía”, unha ruta polas localizacións de referencia da vida e obra de Rosalía de Castro. O itinerario, no que participaron cincuenta persoas, foi conducido pola experta rosaliana María López Sández, e rematou na Casa-Museo da escritora, en Padrón. A programación completa das actividades do Día de Rosalía pódense consultar na seguinte ligazón.

Este luns, 23 de febreiro, a Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá, a partir das 18:30 horas, a Gala homenaxe a Rosalía de Castro. Trátase do acto central da programación rosaliana que organiza o Concello de Ames para conmemorar o aniversario da escritora que se celebra o 23 de febreiro, ao tempo que se pon en valor o seu vínculo co concello e se revitaliza o seu pensamento e a súa obra. Para a súa organización cóntase coa colaboración dos equipos de dinamización e normalización lingüística dos centros de ensino de Ames. A entrada será libre e gratuíta ata completar a capacidade do auditorio.

O Concello de Ames, a través dos departamentos de Normalización Lingüística, Turismo e Bibliotecas vén de publicar a programación das actividades que se levarán a cabo durante este mes de febreiro para conmemorar o Mes de Rosalía. O obxectivo é difundir a obra e o pensamento rosaliano e pór en valor os enormes vínculos que a escritora ten co Concello de Ames. A principal novidade deste ano é a creación da Rede de Rosalía, unha proposta para compartir vídeos ou publicacións con versos rosalianos nas redes sociais co cancelo #RosalíaDeAmes e ir tecendo colectivamente a rede de Rosalía. Pódese consultar a programación completa premendo na seguinte ligazón.

O vindeiro sábado 21 de febreiro está programada unha excursión literaria baixo o nome de “Viaxando con Rosalía”. Esta actividade, enmarcada dentro da programación municipal “Rosalía Ames 2026” para festexar o Mes de Rosalía, consistirá nunha visita á casa da escritora en Padrón da man da experta rosaliana María López Sández. Conta cun total de 60 prazas, polo que para participar é preciso inscribirse enviando un correo a normalizacion@concellodeames.gal ou chamando ao número 662 377 215, entre o 14 e o 20 de febreiro. Poñerase a disposición das persoas asistentes un servizo de autobús, que sairá dende a Casa da Cultura do Milladoiro ás 9:30 horas e dende o Pazo da Peregrina de Bertamiráns ás 9:45 horas.

O Concello de Ames, a través dos departamentos de Normalización Lingüística, Turismo e Bibliotecas presentou esta mañá a programación das actividades que se levarán a cabo durante os mes de febreiro para conmemorar o Mes de Rosalía. O obxectivo é difundir a obra e o pensamento rosaliano e pór en valor os enormes vínculos que a escritora ten co Concello de Ames. A principal novidade deste ano é a creación da Rede de Rosalía, unha proposta para compartir vídeos ou publicacións con versos rosalianos nas redes sociais co cancelo #RosalíaDeAmes e ir tecendo colectivamente a rede de Rosalía. Pódese consultar a programación completa premendo na seguinte ligazón.

O programa Apego continúa coa súa programación de actividades do primeiro semestre de 2026. Nesta ocasión, organízase para o vindeiro venres, 20 de febreiro, ás 18.00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro, o espectáculo “Peter Punk e o neno imperdible”. O prazo de inscrición está aberto desde hoxe, 12 de febreiro, ata o vindeiro xoves 19. Para participar é preciso enviar un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal no que se indique o nome e apelidos das persoas asistentes, a idade das crianzas e un teléfono de contacto.

Os Premios Youtubeiras+ xa teñen gañadoras e gañadores. Esta tarde, no Teatro Jofre, deuse a coñecer o palmarés da novena edición deste certame que, organizado polos servizos normalización lingüística dos concellos de Ames, Carballo, Ferrol, Moaña, Narón, Oleiros, Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela e Teo; das universidades de Santiago, A Coruña e Vigo; e mais da Deputación da Coruña, ten como obxectivo promocionar o talento en galego nas redes sociais. En representación do Concello de Ames asistiu o concelleiro de Urbanismo e Administración Xeral, Víctor Fernández. Preme nesta ligazón para consultar a relación de gañadoras e gañadores dos Premios Youtubeiras+.

Dende o pasado mes de xaneiro o Concello de Ames e a Real Academia Galega, co apoio da Xunta de Galicia e da comunidade educativa amesá, realizaron a cuarta edición de Modo Galego, actívao! Nesta edición participaron arredor de 2.700 alumnos e alumnas que contaron coa colaboración de case 300 docentes e uns 200 profesionais da educación non formal. Esta mañá rematou o programa cunha gran foliada en cada centro escolar que estivo dirixida polas pandeireteiras do grupo As Maianas e das asociacións de Bugallido, que ao igual que na edición anterior, cantaron e bailaron a canción Falo galego porque quero!!, que as propias Maianas crearon explicitamente para o Modo Galego. Ademais, este ano o peche oficial do programa farase o 17 de abril cun gran festival na explanada do pavillón polideportivo de Bertamiráns no que haberá unha gran festa con diversas actuacións musicais.

O Teatro Jofre de Ferrol acollerá mañá sábado 7 de febreiro, ás 19.00 horas, a gala de entrega da novena edición dos Premios Youtubeiras+, certame organizado polos servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, Carballo, Ferrol, Moaña, Narón, Oleiros, Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela e Teo; das universidades de Santiago, A Coruña e Vigo; e mais da Deputación da Coruña. As persoas e canles gañadoras destes galardóns, que teñen como obxectivo promocionar o talento en galego nas redes sociais, daranse a coñecer durante unha cerimonia de entrega que presentarán Leila Fernández (membro da canle O faiado pódcast) e Carlos Vieito (integrante do proxecto Exército Mekemeke). Preme nesta ligazón para consultar a relación de finalistas.

“Se eu mostro entusiasmo, o alumnado responde ben. E eu este ano estou entusiasmada con Modo Galego, actívao!, di animosa María Isabel Rodríguez, responsable do Equipo de Dinamización Lingüística (EDL) do CEIP A Maía. “Escoller as parroquias de Ames como fío condutor para infantil e primaria foi un acerto. Estamos a desfrutar moito cos retos que se propoñen e que implican descubrir a contorna, investigar e aprender sobre lugares polos que pasamos habitualmente e non reparamos, coñecer os nosos ríos, a pegada de Rosalía de Castro no noso municipio...”, salienta sobre a última edición do proxecto para a promoción do galego que a Real Academia Galega e o Concello de Ames puxeron en marcha en 2023, que se desenvolve ata o 6 de febreiro coa colaboración de case 300 docentes e uns 200 profesionais da educación non formal.
- ‹ anterior
- 3 de 43
- siguiente ›




