- Tematica
Este luns, 23 de febreiro, a Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá, a partir das 18:30 horas, a Gala homenaxe a Rosalía de Castro. Trátase do acto central da programación rosaliana que organiza o Concello de Ames para conmemorar o aniversario da escritora que se celebra o 23 de febreiro, ao tempo que se pon en valor o seu vínculo co concello e se revitaliza o seu pensamento e a súa obra. Para a súa organización cóntase coa colaboración dos equipos de dinamización e normalización lingüística dos centros de ensino de Ames. A entrada será libre e gratuíta ata completar a capacidade do auditorio.
O evento, conducido pola cantautora Sheila Patricia, estará cheo de música e poesía. Ao longo da gala contarase coa participación de máis de cincuenta alumnos e alumnas dos centros educativos de Ames e persoas doutros ámbitos do municipio. Así, subirá ao escenario alumnado dos centros educativos de infantil, primaria e secundaria do concello para recitar, cantar e teatralizar textos de Rosalía.
O alcalde de Ames e responsable do departamento de Normalización Lingüística, Blas García, agradece “a implicación dos equipos de dinamización e normalización lingüística dos centros educativos de Ames con esta iniciativa ano tras ano” e resalta a importancia de “preservar e pór en valor todo aquilo polo que Rosalía, vinculada ademais ao noso concello, loitou a través da súa obra. Rosalía sempre está de actualidade”.
Na gala poderemos ver diferentes actuacións do alumnado dos CEIP Agro do Muíño, A Maía, Barouta; da EEI do Milladoiro; e dos institutos de Bertamiráns e do Milladoiro. O alumnado combinará música, teatro e audiovisual con poemas de Rosalía de Castro.
No transcurso do acto contaremos cun concerto homenaxe a Rosalía da cantautora Sheila Patricia, unha das voces máis potentes e coidadas da nova canción galega, que bebe do imaxinario colectivo da tradición oral e das mulleres que a precederon.
Novas relacionadas
El Correo Gallego: "Gala musical y poética por Rosalía de Castro este lunes en Bertamiráns"





