Solapas principales

Aberto o prazo de inscrición para a actividade “Peter Punk e o neno imperdible”, do programa Apego

Jueves, 12 de febrero de 2026

O programa Apego continúa coa súa programación de actividades do primeiro semestre de 2026. Nesta ocasión, organízase para o vindeiro venres, 20 de febreiro, ás 18.00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro, o espectáculo “Peter Punk e o neno imperdible”. O prazo de inscrición está aberto desde hoxe, 12 de febreiro, ata o vindeiro xoves 19. Para participar é preciso enviar un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal no que se indique o nome e apelidos das persoas asistentes, a idade das crianzas e un teléfono de contacto.

O proxecto Apego segue a organizar diferentes propostas lúdicas para as crianzas nestes primeiros meses do ano. Desta volta, vaise organizar a actividade “Peter Punk e o neno imperdible”, de Peter Punk e Brais das Hortas. O espectáculo é de balde e está dirixido a público familiar. Será o venres 20 de febreiro, ás 18.00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro.

Trátase dun trepidante espectáculo cheo de música en directo, humor, teatro circo, clown... para gozar en familia. Esta é unha obra que destaca polo seu coidado guión, a elaboración e enxeño das rutinas e conta cun grande traballo de dirección, así como unha orixinal escenografía. Diversión, música ao vivo, momentos de tensión e perigo. A importancia da dimensión humana e solidaria do clown de calidade... un espectáculo que a través do humor non esquece a solidariedade cos nenos e nenas, especialmente os que viven en situacións de conflito.

O prazo de inscrición está aberto dende hoxe, 12 de febreiro, ata o vindeiro xoves 19. Para participar é preciso enviar un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal no que se indique o nome e apelidos das persoas asistentes, a idade das crianzas e un teléfono de contacto. Non se admitirán inscricións fóra de prazo e as prazas asignaranse por orde de recepción de solicitude.

O programa Apego, un vehículo de transmisión da lingua
O programa Apego é un proxecto de dinamización lingüística dirixido ás familias que estean a esperar un bebé ou que teñan crianzas entre 0 e 6 anos. O seu obxectivo é promover, apoiar e normalizar o uso do galego na socialización da primeira infancia, achegando recursos e unha ampla proposta de actividades lúdicas e educativas.

As persoas interesadas en sumarse á iniciativa poden facelo poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames, escribindo un correo a normalizacion@concellodeames.gal ou chamando ao número de teléfono 662 377 215. Así mesmo, tamén poden facelo cubrindo o formulario “Súmate ao apego”, que está dispoñible na páxina web do programa, apego.gal.

Aberto o prazo de inscrición para a actividade “Peter Punk e o neno imperdible”, do programa Apego

Multimedia

  • Aberto o prazo de inscrición para a actividade “Peter Punk e o neno imperdible”, do programa Apego