Solapas principales

Aberto o prazo de inscrición para a excursión literaria “Viaxando con Rosalía” guiada pola experta rosaliana María López Sández

Lunes, 16 de febrero de 2026

O vindeiro sábado 21 de febreiro está programada unha excursión literaria baixo o nome de “Viaxando con Rosalía”. Esta actividade, enmarcada dentro da programación municipal “Rosalía Ames 2026” para festexar o Mes de Rosalía, consistirá nunha visita á casa da escritora en Padrón da man da experta rosaliana María López Sández. Conta cun total de 60 prazas, polo que para participar é preciso inscribirse enviando un correo a normalizacion@concellodeames.gal ou chamando ao número 662 377 215, entre o 14 e o 20 de febreiro. Poñerase a disposición das persoas asistentes un servizo de autobús, que sairá dende a Casa da Cultura do Milladoiro ás 9:30 horas e dende o Pazo da Peregrina de Bertamiráns ás 9:45 horas.

Este pasado 14 de febreiro abriu o prazo de inscrición para a excursión literaria “Viaxando con Rosalía”, que consistirá nunha visita á casa museo de Rosalía de Castro en Padrón con paradas en Ortoño e Bastavales, lugares vinculados á vida e á obra rosaliana. Durante a viaxe, a profesora e escritora amesá, María López Sández, achegará aos participantes á figura, a obra e á traxectoria de Rosalía.

O Concello de Ames conmemora un ano máis o aniversario do nacemento de Rosalía de Castro cunha programación coa que se busca revitalizar o pensamento, a obra e a figura da autora, ao tempo que se pon en valor o seu vínculo con Ames. Así, entre as diversas actividades programadas figura, un ano máis, esta viaxe literaria que nos achegará á vida e á obra rosaliana.

A primeira das paradas desta visita será en territorio amesán, na casa situada na Tarroeira, na parroquia de Ortoño, pertencente, no seu momento, á familia paterna de Rosalía. A saída continuará en Bastavales, na parroquia de Brión, onde se atopa a igrexa cuxas campás protagonizaron un dos versos máis sonados da autora. Para finalizar, a excursión rematará no concello de Padrón, onde se realizará unha visita guiada á Casa-Museo de Rosalía de Castro, coñecida como a Casa da Matanza.

A excursión sairá da Casa da Cultura do Milladoiro ás 9:30 horas e fará unha parada no Pazo da Peregrina ás 9:45 horas para recoller as persoas que se sumen en Bertamiráns. A volta está programada para as 14:30 horas.

Inscrición
As persoas interesadas en inscribirse só teñen que enviar un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal no que indiquen nome e apelidos, teléfono de contacto e o lugar onde collerán o autobús (O Milladoiro ou Bertamiráns). A inscrición tamén pode realizarse chamando ao teléfono 662 377 215. O prazo para anotarse está aberto dende o 14 ata o 20 de febreiro. Hai un total de 60 prazas dispoñibles, que se asignarán por orde de recepción da solicitude. 

Aberto o prazo de inscrición para a excursión literaria “Viaxando con Rosalía” guiada pola experta rosaliana María López Sández