Este xoves, día 30, o Concello de Ames celebrará o pleno ordinario correspondente ao mes de maio. O pleno comezará coa toma de posesión como concelleiro do grupo municipal do BNG, de Carlos García Vieito, trala renuncia de David Santomil. Na sesión plenaria, a Corporación municipal debaterá sobre a ratificación de dous decretos da Alcaldía para a subsanación de deficiencias de proxectos de obras incluídas no POS+ 2024. Tamén se abordará a aprobación de dous proxectos incluídos no Plan Agader 2024-2025. Por outra banda, debaterase a aprobación inicial do regulamento de uso e funcionamento da Factoría; a aprobación de indemnizacións por asistencias á Xunta de Voceiros e Comisión Especial de Queixas, suxestións e reclamacións; a aprobación de revisión de prezos do contrato de xestión e mantemento do centro deportivo municipal A Telleira (exercicios 2019 e 2020) e maila aprobación do recoñecemento extraxudicial de crédito 1-2024. Por último, abordarase a declaración institucional de apoio ás persoas enfermas de ELA, a moción política dos grupos municipais BNG e ESCO para a reprobación da concelleira de Educación, Carmen Porto, e a moción do grupo municipal socialista de solidariedade co pobo palestino. O pleno será emitido en directo a través da canle de YouTube do Concello de Ames.